Cinco magos protagonizarán en setembro a Gala Internacional Galicia Ilusiona en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Con motivo do Xacobeo, algúns dos mellores magos e ilusionistas de todo o mundo xuntaranse en Galicia. Participarán no festival de magia Galicia Ilusiona, que pretende facer do noso país o centro mundial do ilusionismo cun dos maiores festivais que existen neste ámbito.
Entre o 1 de agosto e o 15 de outubro haberá máis de duascentas actuacións en máis de cen concellos galegos e polas sete grandes cidades pasará a Gran Gala Internacional Galicia Ilusiona, que amosará unha selección dos mellores números do ilusionismo mundial.
No caso de Pontevedra será o 24 de setembro cando o público poida ver sobre o mesmo escenario aos máis premiados magos do planeta. Será nun evento que se celebrará no auditorio de Afundación e que estará conducido por Esther Estévez, presentadora do Dígocho Eu na TVG.
A gala estará protagonizada, por unha banda, polo galego Dani Polo, mago revelación europeo 2018. A súa especialidade son as grandes ilusións, xogando con persoas que aparecen da nada, que voan ou que se teletransportan. Nos seus espectáculos todo é posible.
Xunto a el estará o coreano Hyun Joon Kim, primeiro premio mundial de manipulación, todo un experto en que miles de cartas aparezan na punta dos seus dedos a un ritmo vertixinoso; ou a chinesa Huang Zheng, que nos levará ao mundo da maxia oriental cun número coidado e poético.
O estadounidense Jimmy Delp, un mago cómico que recrea situacións totalmente insólitas; e o francés Arno, que promete un dos actos de ilusionismo máis brillantes e espectaculares de todos os tempos, completan a proposta artística da gala.
As entradas para a Gran Gala Internacional Galicia Ilusiona teñen un prezo de 12 euros e pódense adquirir a través da plataforma ataquilla.com.
Relacionadas:
-
Unha Gran Gala Internacional de ilusionismo deixará a Pontevedra coa boca aberta
Por Oskar Viéitez |
-
A programación de outono na Sede Afundación de Pontevedra inclúe danza, maxia e monólogos
Por Redacción |
-
É tempo para a maxia na Boa Vila
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
FERVE, a festa que fusiona música e gastronomía para "reinventar a romaría galega"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Víctor Manuel substituirá a Bunbury como o gran concerto do Xacobeo en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |