Luismi perde durante varias semanas a un dos seus fixos, Churre
Por Diego Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
As lesións non dan respiro ao Pontevedra nas últimas semanas. Se para o choque ante o Salamanca Luismi tivo que completar a convocatoria co futbolista do filial Rivera, debido ás ausencias por problemas físicos e sancións, na próxima xornada ante o Guijuelo a situación pode repetirse.
A principal ausencia nos granates é xa segura, e trátase dun dos fixos nos plans do técnico como é Víctor Vázquez 'Churre'. O central marinense xogara ata a data todos os minutos de liga, sendo titular nas 10 xornadas de competición como unha das bases da liña defensiva. Con todo tivo que retirarse do terreo de xogo no 72 de partido tras unha mala caída na que se danou o cóbado esquerdo.
"Fue una luxación del codo", explicou tras o choque en rolda de prensa Luismi, sinalando que deberá "estar unas semanas parado". Todo un contratempo debido a que "estaba en un buen momento de forma y nos daba mucha seguridad atrás", recoñeceu o técnico.
De todos os xeitos o preparador pontevedrés mostrouse convencido de que "los que van a jugar ahora van a mantener el nivel".
A baixa estimada para 'Churre', tras as probas médicas, será dunhas tres ou catro semanas.
O outro xogador que tivo que ser substituído por problemas físicos é Kevin Presa, e aínda que o técnico sinalou que o cambio "era por precaución" o certo é que preocupa o estado do xeonllo do canteirán, ao tratarse dunha molestia que non termina de desaparecer.
Os servizos médicos do club realizaranlle unha resonancia este martes para ver o alcance da lesión, que nun principio parece ser unha escordadura de xeonllo por distensión do ligamento lateral interior.
Ademais de Álex Fernández, lesionado de longa duración, na enfermería granate atópase tamén Romay cun problema muscular que lle mantén como dubida para a próxima xornada.
Pola súa banda Adrián León, que perdeu xunto a David Castro o encontro ante o Salamanca por sanción, arrastra unha doenza na zona isquiotibial desde o choque ante o Burgos.