Elena Espinosa, a aposta para Pontevedra dun PSOE que, segundo Besteiro, representa o "galeguismo útil"
Por Redacción
A blindaxe dos servizos públicos e a reactivación económica de Galicia serán dous dos eixos fundamentais da alternativa política que representa José Ramón Gómez Besteiro, que presentou oficialmente a Elena Espinosa como a candidata do PSdeG-PSOE por Pontevedra.
Gómez Besteiro destacou que os socialistas representan o "galeguismo útil" e quere liderar un goberno que "solucione os verdadeiros problemas dos galegos e das galegas e que consiga para o noso país o que ningún outro partido é capaz de conseguir".
Así, defendeu un plan integral de recuperación da Atención Primaria, un plan de choque en materia de vivenda, un pacto polas enerxías renovables, a reindustrialización de Galicia no marco da transición ecolóxica ou un transporte metropolitano "que funcione".
Completar o mapa das infraestruturas galegas é un dos principais compromisos do seu programa de goberno nunha Galicia que debe "seguir camiñando cara á gratuidade da AP-9", e que deberá estar preparada para a posta en marcha dos trens Avril.
O candidato socialista asegurou que o PP "non quere que os galegos e as galegas saiban que temos eleccións o 18 de febreiro" porque, afirmou, "a Galicia durmida é a que lle dá vida ao PP".
Sinalou que o PSOE aposta por candidaturas "feministas, transformadoras e profundamente comprometidas con Galicia", compostas por persoas "con experiencia, ambición e solvencia".
"Todos sabemos que nestas eleccións somos o gran rival do PP”, defendeu Besteiro, que chamou aos socialistas a liderar a mobilización social que repita o respaldo que obtiveron nos pasados comicios locais e xerais, e cos que "Galicia gaña e o PP perde".
Neste acto de presentación, a ex ministra Elena Espinosa, que liderará a candidatura por Pontevedra, animou á cidadanía a "limpar a contaminación política" da Xunta de Galicia e reclamou un goberno socialista que remate co "desprezo" aos alcaldes e alcaldesas do PSdeG.
Relacionadas:
-
O PSdeG defende a xestión pública da residencia da terceira idade da Fundación Amancio Ortega
Por Oskar Viéitez |
-
"Non estamos decidindo se temos un presidente de Pontevedra, estamos decidindo se temos un presidente que traballe por Pontevedra"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Elena Espinosa, Carlos Font e Paloma Castro liderarán a proposta provincial socialista nas autonómicas
Por Redacción |
-
Besteiro avanza en Pontevedra que "pronto" haberá "moi boas noticias" en materia ferroviaria
Por Alejandro Espiño |
-
18 de febreiro de 2024, data das eleccións galegas
Por Redacción |