Rueda irá por Pontevedra nas eleccións do 18F: "Un ten que ter claro sempre de onde vén para saber a onde vai"
Por Redacción
Non houbo sorpresas. Alfonso Rueda encabezará a candidatura que o PP presentará por Pontevedra nas eleccións galegas do próximo 18 de febreiro. "Un ten que ter claro sempre de onde vén para saber a onde vai", sinalou o líder dos populares galegos.
Xunto a el, como número 2, irá a empresaria viguesa Patricia García, a quen Rueda agradeceu que quixera "embarcarse" nesta aventura, convencido de que "desde o éxito empresarial tamén se poden facer moitas cousas na vida pública cando hai vocación e gañas de servir á cidadanía".
O dirixente do PP avanzou que a súa campaña "non vai ir de levantar muros, nin de atacar ou falar mal de Galicia e dos seus servizos públicos, nin de favorecer a crispación e os bloqueos".
Pola contra, aposta por "erixir pontes, poñer propostas enriba da mesa e traballar desde a unidade e a concordia a prol da nosa terra", sempre, segundo engadiu, desde a "vocación de servir a xente e de construír para poder prosperar e mellorar".
"Nós imos defender sempre o valor da palabra dada, de asumir un compromiso e ser consciente de que hai que cumprilo porque a xente que depositou en ti a súa confianza é o que espera que fagas e non que cambies de opinión", subliñou o candidato do PPdeG.
Rueda asegurou que quere seguir sendo presidente da Xunta, pero remarcando que "non a calquera prezo", senón "desde a honestidade, o traballo e coa conciencia tranquila".
Na súa intervención, Alfonso Rueda tamén se referiu á "oposición multipartita", da que presumiu que "non quererá falar de proxectos porque ou non os teñen ou directamente son incompatibles entre si", ao contrario dun PP que "ten claro o que quere para Galicia".
A vitoria no próximo 18F, segundo o candidato popular, comeza "tendo os mellores equipos dispostos a traballar pensando en Galicia, mirando a Galicia e entregándose a Galicia".
Relacionadas:
-
Alfonso Rueda promete desde Pontevedra crear unha rede de dinamización cultural no rural
Por Redacción |
-
"Van a por nós, dispárannos", advirte Rueda ao PP desde Pontevedra, e chama á mobilización: "non hai nada gañado"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O BNG conxúrase a saír "a por todas" e "pelexar cada voto ao PP"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Un 'Mozo de Arousa' para a lista do PP por Pontevedra, na que non repite Lupe Murillo
Por Alejandro Espiño |
-
Rueda garante "cordura e estabilidade" frente á "confrontación" dun multipartito
Por Redacción |
-
"Confianza cero", advirte Rueda, porque "pódese perder todo"
Por Oskar Viéitez |
-
Obxectivo do PP de Pontevedra: "Contribuir á maioría absoluta de Rueda"
Por Oskar Viéitez |