Pontevedra solicita a cesión de dúas parcelas propiedade do Estado na Xunqueira de Alba
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra quere incorporar dúas novas parcelas ao ámbito da Xunqueira de Alba. Así, o Concello iniciou os trámites para solicitar a cesión destes terreos, que son propiedade do Estado, segundo anunciou este xoves o alcalde.
Estas dúas parcelas, que teñen unha superficie de 5.026 e 4.995 metros cadrados, están situadas ao final do primeiro tramo do río Rons desde a Ponte das Correntes e, nestes momentos, non teñen uso algún. O Ministerio de Facenda si paga o IBI por eles.
Miguel Anxo Fernández Lores explicou que foi o propio departamento de Patrimonio do Estado, dependente deste ministerio, o que suxeriu que se iniciasen os trámites para solicitar formalmente a concesión destes máis de 10.000 metros cadrados.
Por iso, desde a administración municipal confían en que "non haxa problema" para tramitar esta solicitude, que supoñería "un paso máis" na recuperación de todo este ámbito natural, declarado espazo natural de interese local (ENIL).
"Seguiremos traballando e tramitando diante dos organismos competentes a cesión do resto de espazos que aínda ocupan esta zona", explicou o rexedor, que asegurou que a este respecto continúan as negociacións coa Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Tráfico.
A intención do Concello con estas dúas parcelas, segundo reiterou o alcalde, "é recuperalas e poñelas en valor de cara ao futuro", de forma que pasen a estar ao dispor da cidadanía.
Relacionadas:
-
Peche da rúa Castelao este domingo por unha mudanza no Hospital Quirónsalud
Por Redacción |
-
Abren ao público os terreos que ocupaban o parque de maquinaria e a imprenta provincial
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pontevedra planea unha zona de baño na Xunqueira de Alba e recuperar o canal interior da Illa das Esculturas
Por Alejandro Espiño |