Oito colectivos participarán na Festa dos Maios de Poio
Por Redacción
Ata oito colectivos de Poio participarán este ano na Festa dos Maios, que se celebrará o próximo 1 de maio, a partir das once da mañá, na Praza do Mosteiro. Alí, exporanse doce creacións.
A edición deste ano, segundo explicou o alcalde, Ángel Moldes, estará dedicada a Francisco Lobajeira Pérez, veciño de Arís de 81 anos, por ser unha das persoas que contribuíron nas últimas décadas a difundir, conservar e expandir a tradición dos maios no municipio.
"Esta é unha festa cun vínculo moi familiar, no que participan persoas de todas as idades, que involucra a todas as parroquias e con moito arraigo no noso concello", explicou Moldes.
No concurso participarán os maios Rockeiriño, Armadiña, Fontela, Laretas, Vilariño, Pimpín, Pitufeiro, Isidoro, Maiolo, Pequemaio, Boureante e Marepodium.
Os premios repartiranse entre os tres primeiros clasificados nas categorías ao mellor conxunto (220, 180 e 150 euros, respectivamente), mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, mellor actuación e mellor barco galego tradicional.
Nestes cinco grupos os premios serán de 150, 120 e 100 euros, respectivamente. Ademais, polo mero feito de participar, cada maio recibirá 200 euros e dúas roscas.
A xornada tamén estará amenizada polo grupo de música tradicional Vides Novas.
Xa pola tarde, ás 17:00 horas, a mostra dos maios trasladarase á Praza da Chousa, en Combarro, coa colaboración do Ateneo Corredoira e a actuación da Escola de Música tradicional de Poio.