O novo responsable do bar de Portocelo pagará 1.250 euros ao mes
Por Redacción
O proceso aberto polo Concello de Marín para adxudicar a xestión do bar de Portocelo deu os seus froitos. Recibíronse nove ofertas e, entre elas, a máis vantaxosa para os intereses municipais ofreceu pagar 1.250 euros mensuais durante os próximos dous anos.
A mesa de contratación acordou conceder provisionalmente o bar a esta persoa que, a partir de agora, terá un prazo de cinco días para presentar a garantía e a documentación pertinente.
O contrato que se formalizará contempla ademais unha prórroga durante dous anos máis.
Ademais de sacar de novo o concurso de Portocelo, o Concello segue traballando noutros aspectos de cara á época estival, tratando de ter nas mellores condicións todos os servizos relativos ás praias e a toda a zona do litoral.
Nese sentido, Marín renovará a caseta de salvamento e dos aseos da praia de Loira, unha actuación que financiará a Axencia de Turismo de Galicia, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado polos fondos europeos Next Generation EU.
Así, acaba de publicarse no taboleiro de anuncios a contratación deste proxecto, para o que as empresas interesadas terán tres días de prazo para a presentación de ofertas.
A duración do contrato é dunha semana e ten un valor estimado de 39.905,40 euros máis IVE.