Vídeos e fotos expoñen na Xunqueira o papel das mulleres no uso responsable dos recursos mariños
Por Redacción
O CEIP A Xunqueira I de Pontevedra acolle ata ata o próximo 16 de maio a exposición 'Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar', un proxecto conxunto entre a Deputación e o Campus do Mar da Universidade de Vigo que pon en valor o papel das mulleres no uso responsable dos recursos mariños.
A deputada de Igualdade da Deputación, Sandra Bastos, asistiu este venres ao acto de inauguración da exposición, que rematou cun obradoiro impartido por Tamara Amorín (participante na investigación do proxecto) para o alumnado de sexto curso de Primaria.
Sandra Bastos destacou que con esta mostra vaise recuperar a memoria daquelas mulleres que dedicaron a súa vida aos oficios do mar no pasado e tamén se dará voz a aquelas que os desempeñan na actualidade.
Os paneis da exposición mostran as mulleres das vilas mariñeiras orgullosas do seu papel, que loitaron e que loitan por mellorar as súas condicións de traballo e a explotación de recursos mariñeiros, e tamén mulleres pioneiras na investigación e nas ciencias mariñas. Son "mulleres que representan á perfección que non se entende a economía e a sustentabilidade do mar sen a súa participación activa", segundo Sandra Bastos.
Desta maneira, esta exposición recolle o papel destacado, e moitas veces invisibilizado, de oficios das mulleres do mar, desde 1914 ata a actualidade, comezando polos máis antigos, como os de mariscadora ou redeira, ata as investigadoras mariñas, pasando por aquelas que traballaron na salga e na conserva.
Para amosar os contidos a exposición está composta por vídeos e fotografías, así como imaxes (moitas delas inéditas) que serven para recuperar nas aulas o saber das mulleres do mar e promover a igualdade e mais a acción positiva entre os futuros profesionais e científicos.
A mostra chega ao CEIP A Xunqueira I despois de pasar por múltiples lugares da provincia como Forcarei, A Guarda, Redondela, Vigo, Cangas, O Rosal, Cambados, Nigrán, Poio, Mondariz ou Pontevedra. Tamén foi exposta no campus de Ourense da Universidade de Vigo.