Non hai tregua, a fin de semana estará pasada por auga
Por Oskar Viéitez
Seguro que vostede escoitou algunha vez que os esquimales usan cen palabras para a neve. Esta lenda é falsa. Realmente son catro as palabras para denominar os diferentes tipos de neve, segundo acreditaron antropólogos e lingüistas.
Con todo, a catedrática de Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, Elvira Fidalgo, descubriu que en galego existen 61 palabras que significan choiva e máis dun centenar para dicir que chove.
Ao longo dos últimos meses os galegos tivemos a oportunidade de usar todas e cada unha delas, e se non nos deu tempo aínda temos por diante unha fin de semana que estará pasada por auga e que propiciará unha boa oportunidade para usar todos estas palabras.
E é que unha borrasca estacionaria localizada no Cantábrico é a responsable da inestabilidade meteorolóxica en Galicia durante toda esta semana que se prolongará o sábado e o domingo, con temperaturas en valores baixos para a época do ano.
Deste xeito, segundo indica Meteogalicia, este venres hai máis inestabilidade atmosférica, coas baixas presións xerando circulación do noroeste. Espéranse ceos con intervalos moi nubrados e con chuvascos localmente fortes.
Durante o sábado as baixas presións irán perdendo forza polo que Galicia quedará nunha situación intermedia. Espéranse chuvascos localmente tormentosos, máis frecuentes á primeira hora. As choivas irán remitindo co avance da tarde, quedando pola noite máis dispersos e ocasionais na metade norte. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso. O vento soprará de compoñente norte, con intervalos moderados no litoral atlántico.
Na xornada do domingo seguiremos con aire frío en altura xerando inestabilidade atmosférica. Unha situación que favorecerá a formación de chuvascos, poden ser localmente tormentosos, máis probables e frecuentes no interior e nas horas centrais do día. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso mentres de que as máximas ascenderán lixeiramente. Os ventos soprarán do norte frouxos, con refachos moderados pola tarde nas Rías Baixas.
Esta tónica manterase os primeiros días da semana próxima, pero as precipitacións irán a menos a partir do mércores coa entrada do anticiclón en forma de cuña.