Pontevedra urxe a Fomento unha pronta licitación do tramo da A-57 entre Vilaboa e A Ermida
Por Diego Espiño
O Pleno Municipal de Pontevedra aprobou por maioría unha moción, presentada polo Partido Popular, para instar ao Ministerio de Fomento á pronta licitación do proxecto de construción do primeiro tramo da futura autovía A-57, entre Vilaboa e A Ermida.
O texto, que contou coa única abstención de María Biempica, inclúe ademais unha emenda socialista para demandar tamén ao departamento dirixido por Ana Pastor a licitación no ano 2015 das obras comprometidas no Nó de Bombeiros e a urbanización da N-541.
Jacobo Moreira argumentou na súa explicación que non se trata de "unha moción contra ninguén", en alusión á ministra de Fomento, "senón a favor de Pontevedra" ao ser unha infraestrutura que entende beneficia á cidade polo seu "impacto económico" e por resolver demandas como "o acceso aos polígonos do Campiño e A Reigosa".
Os socialistas pola súa banda aseguraron que "non seremos nós os que poñan dificultades a este proxecto", se ben Agustín Fernández criticou a tardanza do Goberno en aprobar a licitación toda vez que "o proxecto quedou listo no final do pasado mandato".
Esta tardanza, segundo Fernández, provocou mesmo a caducidade da declaración de impacto ambiental inicial "mentres Rajoy botaba unha sesta".
Polo grupo municipal do BNG César Mosquera argumentou que o trazado previsto pasará polo "único sitio posible", e xustificou o apoio dos nacionalistas na petición dunha infraestrutura que "pedimos dende hai 15 anos" e que conta co apoio de "todas as forzas políticas e sociais".
No debate desta moción estiveron presentes representantes do colectivo Salvemos A Fracha, que se opón á construción da Autovía A-57. Tiveron voz mediante a concelleira María Biempica, que leu unha reflexión da plataforma na que instou a que se destine o diñeiro previsto para construír a A-57 "a hacer, conjuntamente con el Concello y la Deputación, una Ronda como Pontevedra se merece".
APROBADA A ITV DE EDIFICIOS
A corporación municipal aprobou ademais por unanimidade a Ordenanza municipal reguladora do Informe de Avaliación dos Edificios, a coñecida como a 'ITV de edificios'.
Antón Louro explicou que a normativa pretende "minimizar as cargas das comunidades de propietarios e garantir a seguridade", mentres o grupo popular, aínda que se mostrou a favor, matizou que "nos gustaría que los edificios de uso público fuesen inspeccionados a los 25 años" en lugar dos 50 previstos, segundo declarou Ricardo Aguilar.
Relacionadas:
-
O Goberno recibirá ata o 13 de febreiro as ofertas para construír o primeiro treito da A-57
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra critica que BNG, PSOE e PP "van da man na maior parte dos temas"
Por Redacción |
-
O recurso xudicial contra a autovía A-57 presentarase nunha semana
Por Redacción |
-
O Consello de Ministros autoriza contratar as obras da A-57
Por Redacción |
-
Antón Louro critica o "electoralismo barato" do PP local
Por Redacción |
-
O PP mételle presa a Ana Pastor para que proceda á inmediata licitación do tramo Vilaboa-A Ermida da A-57
Por Oskar Viéitez |