O PSOE queda só na súa proposta de consulta popular sobre a continuidade de ENCE
Por Redacción
A pretendida consulta popular sobre ENCE e a súa continuidade na ría, formulada polo PSdeG-PSOE, ten poucos visos de prosperar. Ningún outro grupo da corporación apoia a moción que presentarán os socialistas no Pleno do próximo luns.
Así quedou de manifesto na comisión de Urbanismo onde esta iniciativa foi rexeitada por BNG e Ciudadanos, coa abstención de Partido Popular e Marea.
Dende as filas socialistas, a concelleira Paloma Castro lamentou a postura do resto de partidos porque "si este va a ser el mandato de la participación ciudadana y de la transparencia" entende que un tema "transcendental" para Pontevedra como a continuidade de ENCE en Lourizán "debería someterse a una consulta popular".
A pesar de que os nacionalistas recordaron que o Concello "leva décadas manifestándose claramente en contra de ENCE", segundo explicou Carme da Silva en rolda de prensa, o PSdeG-PSOE cre que se os cidadáns "por los motivos que ellos consideren oportunos" avalan a continuidade de ENCE máis alá de 2018 "las administraciones tienen que trabajar en esa línea y no tener una postura al margen de la ciudadanía".
Paloma Castro, que asegurou que no PSdeG-PSOE están "fastidiados" por esta ausencia de apoio na corporación, avanzou que en todo caso os socialistas seguirán traballando para esta consulta popular se poida realizar finalmente.
O primeiro paso será presentar a moción no Pleno, independentemente da votación desfavorable que recibiron este martes na comisión de Urbanismo.
POSICIÓN DE OUTROS GRUPOS
Pola súa banda, dende Ciudadanos aseguraron que o seu partido "non apoiará en ningún caso mocións ou propostas creadas co único fin de acaparar portadas, buscando o protagonismo do grupo municipal que as presente," en relación á proposta socialista.
María Rey engadiu que, ademais, non comparten mocións que supoñan un "gasto innecesario" para as arcas públicas, "existindo asuntos importantes que necesitan dotación económica que son os que deben" de "primar".
Relacionadas:
-
Nin consulta popular sobre a continuidade de ENCE, nin paralización da A-57
Por Alejandro Espiño |
-
Os traballadores de ENCE cren que o PSOE "chega tarde" coa proposta de referendo sobre a pasteira
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
Un informe municipal avala a legalidade da consulta popular sobre ENCE proposta polo PSOE
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas instan o Concello a iniciar os trámites para unha consulta popular sobre ENCE
Por Redacción |