Chamamento policial á persoas maiores: desconfíe se lle ofrecen remedios milagrosos contra o coronavirus
Por Natalia Puga
Durante o tempo que dure o estado de alarma decretado polo Goberno estatal para frear a expansión do COVID-19, a Policía Nacional ha querido facer un chamamento á cidadanía, en especial ás persoas maiores, para extremar as precaucións e evitar ser vítimas de estafas ou roubos.
Noutras partes de España déronse situacións de persoas que foron vítimas de estafas por parte de individuos que se facían pasar por sanitarios que acudían a realizar probas de coronavirus ás casas nas que estaban confinados, presentábanse como repartidores de máscaras ou elementos de protección ou mesmo ofrecían curas milagrosas.
Ante tales situacións, durante o tempo que dure o confinamento, recoméndase desconfiar daquelas persoas que lle ofrecen remedios milagrosos contra o coronavirus e non proporcionar datos persoais nin datos bancarios a través do teléfono a descoñecidos.
Ademais, faise un chamamento para que as persoas maiores non abran a porta nin deixen entrar no seu domicilio a persoas que manifesten pertencer a empresas de subministracións do fogar se non os solicitaron e tampouco a quen digan ser técnicos, médicos, enfermeiros ou servizos sanitarios que acoden a realizarlle a proba do coronavirus ou a desinfectar o domicilio.
Tamén se recomenda non deixar entrar a distribuidores de máscaras e luvas que afirmen representar á Administración nin a aqueles que manifesten ser repartidores de alimentos dunha gran superficie.
Ante calquera sospeita ou situación de perigo, poden chamar á Policía Nacional a través do número 091.