Piden cancelar a feira taurina de Pontevedra por saúde pública
Por Redacción
Moitos eventos públicos previstos para o verán xa comezaron a pospoñerse pola crise sanitaria do coronavirus. A incerteza sobre as futuras medidas do Goberno para ir regresando progresivamente á normalidade está a provocar estes aprazamentos.
Un destes eventos é O Marisquiño de Vigo, que se ía a celebrar en agosto, igual que a feira taurina de Pontevedra. Poñendo como exemplo ao festival, a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, insta os empresarios da praza de touros para que sigan este mesmo camiño.
"Existen sobradas razóns de protección da saúde pública para actuar agora", afirman desde a plataforma, ante as dificultades sanitarias, organizativas e de seguridade que tería seguir adiante cunha feira destas características.
Galicia, Mellor Sen Touradas considera que sería unha "auténtica temeridade" consentir que se celebre a feira taurina, xa que "por poucas persoas" que acudisen, entende que podería ser un futuro foco de transmisión do coronavirus.
Pospoñer esta feira, engade este colectivo no seu comunicado, sería unha "decisión responsable" por parte dos empresarios taurinos.
Ademais, os animalistas reiteran a súa petición para que o Concello de Pontevedra suspenda "inmediatamente" o convenio de aluguer da praza, "tendo en conta que as condicións sanitarias, sociais e políticas desaconsellan calquera utilización".