A Policía Local de Poio velará pola seguridade durante as saídas dos menores á rúa
Por Redacción
A Policía Local de Poio desenvolverá, a partir deste domingo 26 abril un operativo especial de seguridade con motivo da entrada en vigor das medidas impulsadas polo Goberno de permitir as saídas, puntuais e controladas, dos menores de 14 anos.
Os axentes estarán nas rúas para axudar e asesorar ás familias e resolver calquera tipo de dúbida que poidan ter. Así mesmo, permanecerán operativos os teléfonos cos que conta a Policía Local, o habitual 689 575 495, como o habilitado especificamente para resolver dúbidas relacionadas co estado de alarma, 604 037 260.
Pola súa banda, o responsable do corpo de seguridade municipal, Antonio Duarte, fai un chamamento á responsabilidade dos proxenitores para que cumpran coas directrices polas que se rexe este permiso especial, que permite saír á rúa para xogar (con xoguetes, no caso de que o desexen) ou pasear e facer exercicio durante unha hora, na franxa comprendida entre as 9:00 e as 21:00 horas.
En todo momento deberán estar acompañados por un adulto, que poderá saír cun máximo de tres menores. Ademais, non se poderán afastar das súas vivendas máis dun quilómetro de distancia e terán que manter a distancia social, polo que non está permitido interactuar con outros nenos. Calquera neno ou nena que presente síntomas non poderá saír de casa.
A maiores, a Policía Local de Poio tamén recomenda que se evite, na medida do posible, tocar elementos da vía pública e non provocar aglomeracións, especialmente en zonas de tránsito habitual. Levar luvas e máscara e desinfectar os xoguetes ao chegar a casa son outras das recomendacións.
Desde a Concellería de Seguridade Cidadá, son conscientes do esforzo da cidadanía á hora de cumprir o confinamento, esforzo acentuado no caso dos nenos. Por iso, a Policía Local poñerá nos seus perfís das redes sociais un Diploma do Cidadán Exemplar para aqueles nenos e nenas que "mantendo o seu comportamento cívico e amable e quedándose na casa conseguiron protexer aos veciños da expansión do coronavirus".
Esta iniciativa impúlsase a través do programa Axente Titor que durante o estado de alarma tamén promoveu a divulgación dun recortable que recrea os vehículos oficiais que utilizan os axentes e que resultou todo un éxito.
Relacionadas:
-
Poio traballa para ampliar a actuación do programa 'Axente Titor' a outros eidos
Por Redacción |
-
Mulleres en Igualdade de Poio e a Garda Civil, premian aos nenos cun diploma polo seu bo comportamento
Por Redacción |
-
Preparan o Paseo da Calzada para os menores: sen tráfico e con dispensadores de xel
Por Redacción |
-
"Quero que chegue o domingo para saír e, despois de 40 días encerrada na casa, poder xogar ao aire libre"
Por Natalia Puga |
-
Bueu alerta das medidas a adoptar a partir do domingo nas saídas de menores de 14 anos
Por Redacción |
-
O Centro Príncipe Felipe deseña un protocolo para permitir os paseos dos usuarios menores de 14 anos
Por Redacción |