Tres mozos de 18 a 24 anos falecidos nun grave accidente entre un coche e un camión en Caldas
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Tres mozos de entre 18 e 24 anos faleceron a pasada madrugada nun grave accidente de tráfico rexistrado na estrada N-640 ao seu paso por Caldas de Reis, no límite co Concello de Cuntis.
O sinistro produciuse sobre as 23.20 horas da noite do mércores e consistiu na colisión fronto lateral entre un turismo e un camión frigorífico por causas que aínda están a investigarse, pero que todo apunta a que tiveron relación con que o turismo se saltou un sinal de Stop. A Garda Civil tamén puido confirmar que o condutor do coche, falecido no sinistro, non tiña permiso de conducir tipo B para levar turismos.
Segundo datos facilitados pola Garda Civil de Pontevedra, os tres falecidos viaxaban no turismo Citroën Xsara. Trátase do condutor, un mozo veciño de Moraña de 19 anos; a copiloto, unha veciña de Vilagarcía de Arousa de 18 anos; e o ocupante do asento traseiro, un veciño de Caldas de 24. Este último era o propietario do vehículo
O turismo chocou cun camión frigorífico de transporte de froitano que houbo dous feridos. O condutor, de 52 anos, resultou ferido leve e a acompañante, de 56, está ingresada nun centro hospitalario con prognóstico grave. Segundo datos oficiais, saíu despedida do camión e sufriu múltiples feridas.
A Garda Civil someteu ao condutor do camión ás preceptivas probas de consumo de alcol e drogas e deu resultado negativo.
A colisión tivo lugar á altura de San Andrés de César, no punto quilométrico 222 da N-640, e provocou dificultades circulatorias na vía durante varias horas. A circulación quedou restablecida catro horas despois do sinistro, pasadas as tres da madrugada.
Xa desde un primeiro momento, Protección Civil solicitou vía Twitter á poboación que utilizase vías alternativas á N-640 en San Andrés de César, pois había un importante despregamento de medios de emerxencia actuando na zona.
Ata o lugar do accidente desprazouse a Garda Civil de Tráfico, que instrúe dilixencias sobre o ocorrido, e tamén tres ambulancias de Urxencias Sanitarias de Galicia, Protección Civil e Policía Local de Caldas de Reis, os Bombeiros do Salnés e Protección Civil de Cuntis.
Tamén se desprazaron efectivos do servizo de mantemento de Estradas do Estado e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, que axudou nun primeiro momento nas tarefas de emerxencias.
ATENCIÓN ÁS FAMILIAS
Dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) para prestar apoio aos familiares das vítimas.
Relacionadas:
-
Os delitos sexuais poñen ao feminismo en loita e á Policía en alerta
Por Natalia Puga |
-
Os mortos nas estradas, en niveis "inaceptables" a pesar do confinamento e os peches pola covid-19
Por Redacción |
-
Falece unha muller e un home resulta ferido grave tras chocar un guindastre e unha furgoneta en Vilanova
Por Redacción |
-
Un veciño de Barro, investigado tras intentar atropelar un axente da Garda Civil de Tráfico e darse á fuga
Por Redacción |