O voto por correo, disparado tamén en Pontevedra: Correos admite 44.000 solicitudes
Por Redacción
As solicitudes de voto por correo para as eleccións xerais do 23 de xullo disparáronse tamén en Pontevedra, como no conxunto de España. Segundo as cifras facilitadas este venres por Correos, admitíronse 2.622.808 solicitudes en España, 43.907 delas na provincia.
Das solicitudes de voto por correo recibidas en Correos, a maioría presentáronse de forma presencial na rede de oficinas postais, 1.924.976 en toda España, 33.224 en Pontevedra.
Ademais, recibíronse en España 697.832 e en Pontevedra 10.683 de forma telemática a través da web de Correos.
Estas cifras xa supoñen un 94,71% máis respecto ao número total de solicitudes admitidas nas eleccións xerais celebradas o 28 de abril de 2019 e un 80,45% máis que as rexistradas no proceso homólogo celebrado o 26 de xuño de 2016, que, ata o de agora, marcaba o récord histórico no número de solicitudes de voto por correo xestionadas nos procesos electorais da democracia española.
Tras comprobar a inscrición dos solicitantes no Censo, as Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral seguen remitindo os envíos coa documentación electoral (certificado de inscrición no censo, sobres e papeletas de todas as candidaturas) á dirección indicada polo elector na solicitude, con carácter certificado e urxente.
O Censo ten de prazo ata o día 16 de xullo para facer entrega a Correos deses envíos, que seguirá poñéndoos ao dispor dos cidadáns a medida que os reciba.
O carteiro ou carteira de Correos realizará polo menos dous intentos de entrega desta documentación en man ao propio destinatario, deixando o aviso para que vaia a recollela á súa oficina en caso de non ser posible realizar esa entrega en man.
No caso de que o elector non recibise a súa documentación electoral e vaia a cambiar de dirección pode localizar o número de rexistro do seu envío na páxina web do Censo Electoral e solicitar a reexpedición da documentación en calquera oficina de Correos a outra dirección ou a outra oficina de Correos, con prazo suficiente para que Correos póidallo facer chegar ao novo destino. Ese número de rexistro tamén permite ao elector comprobar a situación do envío no localizador da web de Correos www.correos.es.
O solicitante ten de prazo ata o xoves, 20 de xullo, para depositar o sobre co seu voto en calquera oficina de Correos en toda España, no seu horario de apertura.
Relacionadas:
-
Se vas votar por correo o prazo de solicitude física ou telemática conclúe o 8 de febreiro
Por Redacción |
-
Amplían un día o prazo de entrega de voto por correo
Por Redacción |
-
Máis de 2.300 axentes velarán pola seguridade das 1.344 mesas electorais do 23X en Pontevedra
Por Redacción |
-
Correos abrirá as súas oficinas en Galicia o sábado e o domingo para axilizar o voto por correo
Por Redacción |
-
Correos amplía horario nas súas oficinas para atender o voto por correo
Por María José Pita |