Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Festa das Alfombras Florais

Evento xa rematado

Máis de cincuenta alfombras encherán de cor e arte as rúas da vila de Bueu con motivo da celebración da Festa das Alfombras do Corpus, que se celebrará a fin de semana do 22 e 23 de xuño e na que as persoas visitantes poderán gozar dos tapices así como dunhas xornadas con música e diversas actividades. Esta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia e organizada pola Asociación Cultural das Alfombras de Bueu e o Concello, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Axencia Galega de Turismo e A Banca, busca poñer en valor a tradición e vinculala coa cultura, para chegar a todas as franxas de idade da poboación.

O programa arrancará o sábado co concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que terá lugar ás 22 horas no exterior do Centro Social do Mar, financiado no marco do programa da Deputación de Pontevedra Musigal. O espectáculo contará con quince músicos en escena para recrear un directo poderoso coa colaboración tamén de doce cantoras e percusionistas. Como se definen na súa páxina web, “humildes e poderosos a un tempo… Adufes, pandeiretas, cunchas, pandeiras… Todo un exército de parches para montar unha foliada de dimensións ciclópeas”. Ese mesmo día, ás 10 horas, a asociación realizará na pista da Banda do Río unha alfombra infantil sobre a “Banda de Vilacendoi” de Xulio Gayoso, na que se convida a participar aos pequenos e pequenas da vila.

Luís Davila, quen deseñou o cartel desta edición a petición do Concello de Bueu, destacou que “busquei unha composición tipográfica, cunha similitude especial ás alfombras, polo que ten unha vertente máis pictórica”. O ilustrador bueués tamén confeccionou tres personaxes alfombristas (entre os que está a mítica Dora das viñetas do “Bichero”) que serán empregadas para un photocall que estará dispoñible polas rúas da vila durante o evento.

O domingo, a vila lucirá coas alfombras florais con temática musical durante todo o día. Segundo salienta Carmen Santos, presidenta da Asociación, “este ano solicitamos a colaboración da cidadanía para crear esta obra colectiva que se mantén desde fai 106 anos”. O percorrido será de 1,5 quilómetros e irá desde Eduardo Vincenti, Pazos Fontenla, Francisco Escaneo e Montero Ríos.

Xa pola noite, os festexos culminarán coa actuación da orquestra Johnny Maquinaria, que se poderá ver ás nove e media da noite no exterior do Centro Social. Así mesmo, esta festa contará con actos relixiosos, sendo un dos máis destacados a misa solemne e procesión.