Unha xornalista é reclamada por un compañeiro para destapar un caso de corrupción política que afecta o presidente da Xunta. Unha longa listaxe de nomes cun nexo: a súa ambición desmedida por conseguir a súa parte como colaboradores co poder. Esta é unha breve sinopse do que hai dentro de 'Ninguén contará a verdade', o Premio Xerais de Novela 2023 que asina Pedro Feijoo.
Unha novela negra?, novela política? non, realidade como a vida mesma; ou a realidade da vida mesma. Pedro Feijoo sabe que o mercado editorial ten que poñer etiquetas, pero para el é "o reflexo dun hastío, un cabreo, unha sensación de hartazgo, máis como cidadán que como autor". Un cidadán da primavera do 2020 que viviu desde a súa casa o que estaba a suceder fóra naquel momento pandémico. Ese foi o detonante.
Durante case dous anos estivo a recompilar información e mantendo entrevistas. Hai quen lle cuestiona que os referentes reais da novela apenas estean disfrazados ou tamén que non chegase a darlles o seu verdadeiro nome: "é evidente de quen falamos" responde no podcast 'Cara a cara', engadindo que "o acheguei ata onde puiden porque me gusta deitarme todos os días sen ter que pasar polo Xulgado antes".
Unha das intencións da novela é incidir en "que nos afixemos a determinadas verdades falsas pero que nos resultan moi cómodas", por exemplo, que a corrupción sempre estivo aí, "alá onde hai poder hai corrupción, desde sempre; pero non significa que non se poida facer nada. Non se trata de ser un gran activista, pero si temos algún recurso para intervir, que xa é algo".
Publicou a súa primeira novela en 2011 e conseguiu ser un dos autores máis lidos de Galicia, algo que recibe "con moita vertixe, moita alegría e moitísimo agradecemento". Por certo que aquela novela primeira foi finalista do Premio Xerais de Novela e este 2023 fíxose co galardón.
"Facíame moita ilusión, é o único premio que estivo presente na miña memoria, na miña casa, mesmo lembro o primeiro fallo deste premio"; e é que o seu avó, Manuel de la Fuente, cubría cada ano este premio para o Faro de Vigo. Cos anos converteuse en seguidor da convocatoria e facerse co galardón ten tamén esa gratificación persoal.
Pedro Feijoo segue promocionando a novela e avanza en que anda metido; e si, isto é un pequeno spoiler, vai dar máis vida a coñecidos personaxes da súa traxectoria como escritor.
O podcast completo pode escoitarse desdea ligazón que se adxunta e igualmente escoitar e descargar desde a web de PontevedraViva Radio.