Unha exposición para recuperar a riqueza da memoria musical dos séculos XIX e XX en Galicia
Achegar ao visitante á memoria musical dos séculos XIX e XX en Galicia. ÿ o obxectivo da exposición Galicia Terra de Músicos: A recuperación do noso patrimonio, inaugurada este venres no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. A mostra, que permanecerá aberta ata o 16 de marzo, recolle unha selección de fotografías, partituras e instrumentos que sensibilizan ao visitante sobre a relevancia do patrimonio musical das catro provincias.
Organizada por provincias e cos materiais distribuídos por temáticas, desde a música clásica á popular, esta mostra ofrece ao visitante moito máis que o que pode ver directamente nas salas do Sarmiento. Así, cun simple teléfono móbil e por medio dos códigos QR que atopará na mostra, o visitante poderá ampliar a información sobre autores, partituras, fotografías, instrumentos e diversos aspectos da exposición.
A modo de exemplo, a imaxe dun gaiteiro de Pontevedra permitiralle acceder a un amplo álbum de fotografías de outros gaiteiros de Pontevedra; noutros casos, poderá acceder á páxina web dun proxecto ou dun autor, e así sucesivamente.
Entre as pezas que ofrece esta mostra figura, por exemplo, unha foto inédita de Xoan Montes Capón, pertencente aos fondos da Editorial Alvarellos e que cedeu o seu actual responsable, Quique Alvarellos; os instrumentos orixinais e fotos pouco coñecidas do grupo Os Trintas de Trives, que comezou a súa andaina na última década do século XIX e que foi toda unha lenda; a zanfona de Perfeito Feijoo ou a Vocalina de Severino Pérez (Cotobade s. XIX) nunca antes expostas e que pertencen aos fondos propios do Museo; así como material do compositor pontevedrés Felipe Paz Carvajal ou do violinista santiagués Pepe Curros, entre outros moitos.
Un completo percorrido visual pola historia da música galega dos séculos XIX e XX, que non sería posible sen a aportación de numerosas persoas que están a colaborar no proxecto que deu orixe a esta mostra e que pretende afondar na recuperación dunha parte moi sensible e representativa da cultura e tradición de Galicia, como é a súa música.
A mostra parte do Proxecto virtual de Recuperación do Patrimonio Musical Galego, séculos XIX-XX iniciado en 2010 e que ten reunido xa varios milleiros de imaxes, así como partituras, instrumentos e outros documentos sonoros e escritos que dan fe da relevancia que a música e os músicos de Galicia tiveron ao longo da historia. A exposición recolle unha selección dos materiais do proxecto e fondos do propio Museo de Pontevedra.