Retallos de mundo: Huế, Vietnam, a cidade nas beiras do río Perfume

Poio
14 de abril 2024
Actualizada: 30 de septiembre

Máis ou menos no centro de Vietnam, a non moitos quilómetros do lugar onde se atopaba a antiga fronteira que dividía o país en dúas metades, norte e sur, até o remate da terríbel guerra que rematou no ano 1975 coa unificación dos dous estados na actual república, descubrín que existía un río moi caudaloso que nace nas montañas de Son Truong e desemboca no Mar da China Meridional, e se coñece como Río Perfumespantimes>

Cidadela, foso
Cidadela, foso / Xesús Constela

Máis ou menos no centro de Vietnam, a non moitos quilómetros do lugar onde se atopaba a antiga fronteira que dividía o país en dúas metades, norte e sur, até o remate da terríbel guerra que rematou no ano 1975 coa unificación dos dous estados na actual república, descubrín que existía un río moi caudaloso que nace nas montañas de Son Truong e desemboca no Mar da China Meridional, e se coñece como Río Perfume, un máis que suxestivo nome que se debe ás numerosas plantacións de plantas aromáticas cultivadas nos campos entre os que transcorre.

Coñecer a existencia deste río resultoume tan interesante que decidín achegarme a el para visitar a fermosa cidade de Huế, unha urbe moi dinámica e tremendamente viva, que ademais foi o lugar de residencia escollido polos diferentes emperadores da dinastía Nguyền, a derradeira familia imperial gobernante na historia de Vietnam, que estivo no poder dende o ano 1802, cando comezou o reinado do emperador Gia Long, até 1945, en que se produciu a abdicación de Bảo Đại.

Cando por fin cheguei e Huế, baixo unha calor sufocante e un sol de xustiza, o primeiro que fixen foi procurar ese río de nome tan atractivo e non me custou ningún traballo dar con el porque toda a cidade está construída nas súas beiras, de tal xeito que o curso das augas parece presidir a vida diaria dos habitantes, que non deixan de transitar a todas horas polas diversas pontes que o cruzan, especialmente pola de Truong Tien, que foi deseñada e construída por Gustave Eiffel no ano 1889 durante a época en que o país formaba parte da colonia francesa de Indochina, e na actualidade, ademais dun tráfico enlouquecido, ten un sistema de iluminación escénica que fai que pola noite estea continuamente a cambiar de cor, cousa que a min, debo confesalo, me resultou dun gusto un tanto dubidoso.

Foi precisamente mentres estaba a cruzar esta ponte cando souben da existencia duns curiosos barcos tradicionais moi longos e decorados na proa con coloridas cabezas de dragón que polo visto se usan en diferentes épocas do ano para facer regatas e para celebrar exhibicións folclóricas, e parecéronme tan fermosos que empecei a valorar a posibilidade de embarcar a bordo de algún ao día seguinte para poder navegar polas augas do río porque estaba convencido de que había de ser unha experiencia moi interesante.

De mañá moi cedo crucei a ponte de Truong Tien para ir visitar o que, sen dúbida, é o recinto máis emblemático de Huế, a súa Cidade Imperial, a cidadela na que vivían os adiñeirados emperadores da dinastía Nguyền, e o primeiro que chamou a miña atención foron as súas xigantescas dimensións, realmente difíciles de concibir.

Construída entre 1804 e 1833 na beira oeste do río Perfume no interior dun impoñente muro que ten un perímetro de nada menos que dez quilómetros, e rodeada por un inmenso foso que en diversas zonas está cheo de flores de loto baixo as que habitan enormes peixes de cores, a cidadela aínda conserva a gloria dun pasado no que os seus templos, palacios e edificios oficiais eran o epicentro do poder en Vietnam.

Accedín ao interior pola enorme Porta de Ngo Mon, que dá acceso a unha ponte que cruza un estanque de flores de loto e consta de cinco entradas, das cales a central era para o uso exclusivo do emperador, as dúas laterais, para mandaríns, soldados e cabalos, e as máis pequenas para o resto dos habitantes, incluídas todas as mulleres con independencia da súa condición social.

Quedei tan impresionado polas dimensións do recinto que tiña perante os meus ollos que decidín tomar o día cunha necesaria calma que me permitise percorrer o seu interior sen chegar a perderme. Comecei dirixíndome ao Pazo de Thai Hoa, ou da Suprema Harmonía, o lugar no que se celebraban os actos máis importantes da corte, que ten un abraiante teito de madeira tallada sostido por unhas fermosas columnas lacadas que acollen o trono onde os emperadores sentaban para seren honrados polos seus súbditos nunhas cerimonias que se preparaban nunha anexa Sala dos Mandaríns.

Pero o que máis chamou a miña atención dentro da inmensa cidadela foi a coñecida como Cidade Púrpura Prohibida, a parte reservada en exclusiva para os emperadores e os membros das súas familias, as concubinas e os eunucos, que tiña un acceso estaba tan vixiado que o castigo por entrar sen permiso supoñía a pena de morte. Por desgraza a meirande parte dos edificios foron bombardeados no ano 1968 polo exército estadounidense, e por iso só fican a Sala de Lectura do Emperador, un Teatro Real reconstruído e aínda en uso para actos culturais, e a Residencia Dien Tho, que era o lugar onde vivían as raíñas e agora é un museo que exhibe vestimentas reais.

Rematei a miña longa visita á inmensa cidadela pola súa zona mellor restaurada, o Templo de To Mieu, que ten un fermoso pavillón de tres andares e na súa explanada, en medio dunha colección de incríbeis bonsais, exhibe nove urnas dinásticas enormes, cada unha delas dedicada a un soberano da dinastía.

Á saída da Cidadela decidín subir nun deses barcos dragón que tanto me atraían para navegar polo Río Perfume arriba con intención de visitar o santuario budista de Thien Mu e os monumentais mausoleos de varios emperadores Nguyền que están espallados polas súas beiras e foron concibidos como auténticas obras de arte.

A máis espectacular destas tumbas é a de Tu Duc, porque consta de cincuenta edificacións de diferentes tamaños deseñadas por el mesmo, que foron construídas sen escatimar custos entre os anos 1864 e 1867 por presos condenados a traballos forzados. As súas dimensións resultan inconcibíbeis e mesmo ten un lago cunha gran illa central na que Tu Duc adoitaba ir de caza, pero o máis curioso do lugar é que ao final non foi utilizado para soterrar ao emperador e nunca se soubo onde se encontra a súa auténtica tumba porque os douscentos serventes que participaron no enterro foron decapitados despois do mesmo.

O mausoleo de Minh Mang foi construído ao máis puro estilo chinés e o seu edificio principal é o Pavillón dos Tres Poderes, ao que se accede por unha escalinata de pedra con pasamáns en forma de dragón logo de cruzar o lago de Trong Minh Ho, ou da Impecábel Transparencia, os nomes resultáronme todos fascinantes, por unha ponte que era para uso exclusivo do emperador.

A última tumba que visitei foi a de Khai Dinh, o máis impopular dos monarcas Nguyền por ser considerado un monicreque que se movía ás ordes dos colonizadores franceses e por ser quen permitiu que a cultura occidental penetrase por completo no país, tal como puiden observar nos guerreiros de pedra que custodian o seu mausoleo, que teñen rostros tanto vietnamitas como europeos.

A miña viaxe en barco polo Río Perfume rematou cando visitei o santuario de Thien Mu, que ten unha pagode hexagonal de sete andares, cada un deles dedicado a unha reencarnación de Buda, e constitúe unha das máis populares iconas de Vietnam, pero o que realmente me quedou gravado deste lugar foi unha imaxe que me revelou unha historia que até entón descoñecía.

No ano 1963 Thích Quảng Đức, un monxe budista do mosteiro que está no interior deste santuario, viaxou nun coche Austin azul até Saigón, hoxe Cidade Ho Chi Minh, daquela capital de Vietnam do Sur, para se prender lume perante o pazo residencial en protesta pola persecución de todas as relixións por parte do ditador Ngô Đình Diệm, un católico convencido.

Dise que esta inmolación de Thích Quảng Đức, que foi fotografada por varios xornalistas estranxeiros que estaban a cubrir a tremenda guerra que asolaba o país, causou tal impacto tanto dentro de Vietnam como no exterior que precipitou a caída do réxime de Diệm, a quen os Estados Unidos apoiaban, e por iso o coche Austin azul no que o monxe viaxou até a cidade de Saigón se exhibe no santuario coma se fose unha reliquia debaixo dunha fotografía que amosa a súa inmolación.

O Río Perfume, a cidade de Huế, a súa cidadela e os barcos con proas de dragón deixaron en min unha máis que agradábel impresión, pero debo recoñecer que esta historia do monxe Thích Quảng Đức quedará para sempre gravada na miña mente coma exemplo do importante que pode chegar a ser a acción solitaria dun único individuo. A súa morte resulta moito máis importante para min que a de todos os emperadores da dinastía Nguyền por moi monumentais que puidesen parecerme as súas tumbas.

©Xesús Constela, 2024.