O Fest 2014 xa está aquí: ábrese o prazo para que grupos e artistas presenten as súas candidaturas
Por Alejandro Espiño
Thee Blind Crows e Gonzalo Arca, os gañadores do Fest 2013, darán moi pronto a relevo a novos grupos emerxentes de Pontevedra. Xa está en marcha o proceso de selección de participantes na III edición do concurso organizado polo Local de Música para promover a escena musical pontevedresa. Os seus organizadores esperan superar as 40 propostas recibidas o ano pasado e visibilizar, unha vez máis, a gran actividade musical que hai na cidade.
A final, á que accederán oito grupos ou artistas seleccionados polo xurado, celebrarase o 5 de abril no Teatro Principal. Para optar a ela, cada grupo debe remitir, como prazo máximo ata o próximo 20 de marzo, un video "gravado dun tirón e sen editar" cunha das súas cancións, para o xurado poida "ver como se fora nun ensaio cal é a esencia real do grupo", segundo destacou Diego Parajó, coordinador do Local de Música.
Ao requirirse unicamente esta gravación caseira permítese que se poida presentar ao concurso calquera grupo ou artista "aínda que non teña material editado", porque tampouco se pide contar cunha maqueta ou cun disco profesional. Con este concurso, búscase "aportar o noso gran de área" para ofrecer aos grupos participantes a posibilidade de darse a coñecer e presentar á cidadanía unha mostra da escena musical independente de Pontevedra.
As principais novidades chegan no apartado dos premios que se entregarán neste Fest2014. Mantense o premio do público, que cos seus votos elixirán ao grupo ou artista que será recompensado cunha actuación remunerada na festa final de Noites Abertas; e o do xurado, a gravación dun videoclip valorado en 1.000 euros, que nesta ocasión será rodado por unha productora local, Juan-L ACC.
Pero incorpórase un premio formativo, que recibirán os oito finalistas. Consistirá nun programa de orientación do proxecto musical e coaching. ÿ o galardón que concede a Asociación de Músicos de Pontevedra, un colectivo de recente creación que, en palabras dos seus portavoces, busca servir como canle de comunicación con diferentes organismos, dar solución aos problemas dos músicos locais e defender os seus dereitos a todos os niveis.
Relacionadas:
-
'De buena tinta' e 'La 4pared' triunfan entre o xurado e o público do Fest 2014
Por Diego Torrado |
-
O Fest 2014 xa ten finalistas tras seleccionar 8 das 26 bandas participantes
Por Diego Espiño |
-
Vortex busca mecenas a través de crowfunding para poder gravar "Confessions", o seu primeiro disco
Por Alejandro Espiño |
-
Thee Blind Crows e Gonzalo Arca, triunfadores dun Fest 2013 que superou todas as expectativas
Por Alejandro Espiño |