A fusión da música indie coa canción tradicional chega a Pontevedra con Lorena Álvarez
Por Alejandro Espiño
Existe unha máxima de Antoni Gaudí segundo a cal a orixinalidade consiste en volver á orixe. E desta forma parece entender a arte Lorena Álvarez. Así se presenta esta artista asturiana, que actuará este venres 16 de novembro ás 22:30 horas no Pequeno Karma (Charino, 29). Presentará o seu primeiro disco, un esperado debut asinado co seu nome e apelido, e titulado Anónimo porque as súas cancións, di ela, "son de todos".
Tras esgotar existencias da maqueta La Cinta nunha semana, entrega agora este disco no que rexistros como a jota -nas súas diversas variantes-, os romances, o pasodoble, a música sefardí ou, sen ir máis lonxe, as verbenas dos pobos, son a influencia dunhas composicións sorprendentes. Como describe a propia Lorena Álvarez, "historias de irrepetibles noites en vela, infidelidades, traizóns e egocentrismo".
Lorena Álvarez reivindica coa súa música a tradición cultural dun xeito moi claro: a canción popular, aínda sen poder obviar o feito de estar en pleno século XXI. Quizá de aí a clave da súa acollida, da curiosidade que espertou e da rápida conexión que conseguiu co público, (anónimo e ilustre, xa que Nacho Vegas ou Julieta Venegas decláranse entre os seus cada vez máis numerosos seguidores).
Os que a coñecen aseguran que un dos feitos máis interesantes que acompañan á figura de Lorena Álvarez é que, por encima de todo isto, posúe unha personalidade moderna e verdadeira. No sorprendente vídeo de La Boda, na coidada arte confeccionada para a edición do disco, e ata a través das entradas do seu blog, queda patente o "duende" que acompaña calquera mostra da súa creatividade.
O concerto no que a artista presentará as 16 cancións do seu primeiro disco, gravado en León, é gratuito. Forma parte do ciclo Los acústicos del Pequeño Karma.