The Satelliters, Tractor Troy e Miguel Costas celebrarán con Sala Karma o seu oitavo aniversario
Por Alejandro Espiño
Sala Karma cumpre oito anos. E faino de novo cunha programación de concertos que traerá a Pontevedra tres propostas tremendamente interesantes. Desde a sala recoñecen que é unha programación "bastante curta" con respecto a outros anos, algo que achacan a que "tivemos moitos problemas á hora de pechar datas". Pero insisten en que son tres concertos de moita calidade. Trátase de The Satelliters, Tractor Troy e Miguel Costas.
The Satelliters, que actuarán o sábado 8 de marzo, é unha banda alemá que desde a súa formación en 1993 foron labrando unha reputación que lles converteu nunha das mellores bandas de garage do planeta. Chegan para presentar o seu último traballo, More Of, que se editará o próximo mes de abril, un disco que se inclina un pouco máis cara ás raíces deste xénero. As entradas teñen un prezo de oito euros por anticipado e dez na billeteira.
O 22 de marzo será a quenda de Tractor Troy, unha banda de rock que naceu en Pontevedra hai tres anos. A súa aposta é a dun rock pegadizo e sureño con tintes de bluegrass, aderezado con certos toques electrónicos. O concerto xirará en torno ao seu primeiro disco, Texas Food, editado en agosto de 2012. No seu caso, a entrada para este concerto en Sala Karma ten un prezo de cinco euros.
A programación do oitavo aniversario pecharaa todo un veterano da escena musical galega, Miguel Costas. O guitarrista e vocalista de Siniestro Total, Aerolíneas Federales ou Los Feliz volve a Pontevedra o 29 de marzo. Faino para presentar en directo as cancións de Alguien tenía que hacerlo, o seu disco máis recente, que como el mesmo describe é un canto ao rock español. Nove euros por anticipado ou doce na billeteira é o prezo das entradas.
As entradas para os tres concertos, que comezarán ás 22.30 horas, pódense adquirir nos puntos de venda habituais: Rei Zentolo Pontevedra, Pequeño Karma e www.ticketea.com.