Xulio Abonjo e o director cambadés Juan Galiñanes, nominados aos premios Mestre Mateo 2014
Por Alejandro Espiño
A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer este luns os nomes dos finalistas aos XII Premios Mestre Mateo 2014, que premian anualmente as mellores producións audiovisuais galegas. Foi no transcurso dun acto celebrado no Auditorio de Novagalicia Banco en Santiago de Compostela. Nesta edición, o actor Xulio Abonjo e o realizador Juan Galiñanes son as mellores opcións pontevedresas.
Xulio Abonjo está nominado como mellor actor protagonista polo seu traballo en Encallados, unha película producida por ZircoZine. ÿ unha historia sobre un grupo de amigos enredados no difícil camiño de sacar adiante un film, co sumario xudicial do caso Prestige como fondo. Os seus rivais serán Antonio Durán "Morris", por Padre Casares; Federico Pérez, por Era Visto!; e Miguel de Lira, por Somos xente honrada.
No caso de Juan Galiñanes, a súa principal nominación é á mellor curtametraxe de ficción. Nesa categoría opta ao premio o seu traballo 3-1=0, recoñecido recentemente no Festival de Cine de Zaragoza. Nela o actor Xosé Barato dá vida a un home que quere desfacerse do seu pasado, do mesmo xeito que da casa que algún día foi o seu fogar. E quizais apareza un comprador para a casa, pero descubrirá que os recordos non se venden.
O realizador cambadés está nominado tamén polo spot Tino o Peregrino e o viño que sabe a festa, que se inclúe nunha campaña de promoción da Festa do Albariño e que aspirará ao premios Mestre Mateo no apartado de anuncios publicitarios. Dos catro anuncios rodados este é o máis internacional, o máis recoñecible dende fóra e tal vez, segundo o Concello de Cambados, o que máis turistas pode atraer.
3-1=0 competirá, na categoría de mellor curtametraxe de ficción con outras dúas producións con marcado carácter pontevedrés. Trátase de Flores para Amalia de Nani Mato, unha historia intimista sobre unha parella que pasa os últimos anos da súa vida nunha residencia para maiores, onde a longa enfermidade da muller levará ao seu home a tomar unha decisión; e Idiotas de Fran Estévez, sobre un mozo con discapacidade chamado Manuel e a súa mascota Lúa, que recolle globos caídos do ceo con mensaxes negativas, escoitándoos e facendo o posible "para que a xente deixe de sufrir".
A gala de entrega dos premios Mestre Mateo celebrarase o vindeiro 12 de abril na Coruña, segundo anunciou o presidente da Academia, Antonio Mourelos, que anunciou as candidaturas xunto cos actores Luís Tosar e Sabela Arán.
Relacionadas:
-
O Teatro Principal acolle a estrea en Pontevedra de "Encallados", película dirixida por Alfonso Zarauza
Por Redacción |
-
Os 'Venres Culturais Cedofeita' proxectarán a curta 'Flores para Amalia', nominada aos Premios Mestre Mateo
Por Redacción |
-
"3-1=0", do cambadés Juan Galiñanes, premiada como mellor curtametraxe no Festival de Cine de Zaragoza
Por Redacción |