O ilustrador Xosé Tomás impartirá un obradoiro de banda deseñada na Biblioteca pública
Por Oskar Viéitez
A Bilioteca pública de Pontevedra organiza un obradoiro de banda deseñada "Coñecete a través dos cuadriños", a cargo do ilustrador Xosé Tomás.
Este obradoiro traballará a creación de personaxes baseados nas vivencias dos participantes e na invención de guións. Está destinado a mozos a partir de 12 anos, e comezará o venres 14 de marzo de 18:00 a 19:30 horas. O número de prazas esta limitado a 15 persoas.
Xosé Tomás (Betanzos, 1971) é ilustrador, humorista gráfico e profesor de inglés de ensino secundario no IES Melide. O seu campo de traballo diversifícase en diferentes campos: o groso da súa obra sitúase na ilustración infantil e xuvenil. Traballa igualmente o cartelismo didáctico, e estende o seu labor ao mundo dos materiais multimedia, con traballos para a Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña, deputacións e concellos, e diversas empresas editoriais.
Imparte con regularidade talleres de ilustración e cómic en centros de ensino primario e secundario para profesores e alumnos, e colabora na formación dos docentes (a través dos Centros de Formación do Profesorado e de movementos de renovación pedagóxica) nos usos didácticos do cómic e a ilustración.
Este obradoiro precisa inscrición previa ata ocupar ás prazas. Desenrolarase no cuarto andar da Biblioteca Pública de Pontevedra en horario de 9 a 14 horas, por teléfono no 986 850 838 ou por correo electrónico na seguinte dirección biblio.publica.pontevedra@xunta.es.