La Traviata ou La Flauta Mágica, agora accesibles a un público non iniciado na ópera
Por Redacción
La Traviata ou La Flauta Mágica son consideradas polos expertos como fitos definitivos no desenvolvemento do xénero musical escénico. A partir do seu estudo, o Museo de Pontevedra pretende achegar o mundo da ópera ao público principiante.
Para iso, programou o primeiro ciclo de introdución á ópera, co que se pretende realizar unha viaxe iniciática a través da súa historia, estudando aquelas obras máis representativas. Celebrarase, con entrada libre, no Sexto Edificio do Museo os venres 16, 23 e 30 de novembro e 14 de decembro, entre as 19.30 e as 21.30 horas.
O ciclo parte da idea de que a ópera, como a música en xeral, garda unha serie de claves e significados, cuxo coñecemento fan máis emocionante o seu desfrute, ao tempo que esas claves permiten internarse no significado e no papel que desempeñou en devir histórico do ser humano e da arte.
Partindo dos argumentos, dos contextos históricos e dos momentos estelares de cada unha das óperas que integran o ciclo, o obxectivo é que os asistentes a este coñezan por dentro cada unha delas e, en consecuencia, gocen dunhas reunións operísticas diferentes.
As escollidas son La Traviata, ópera en tres actos con música de Giuseppe Verdi e libreto de Francesco Maria Piave, baseado na novela de Alexandre Dumas La dama das camelias; La Flauta Mágica, singspiel en dous actos con música de Wolfgang Amadeus Mozart e libreto de Emanuel Schikaneder; Tosca, ópera en tres actos con música de Giacomo Puccini e libreto de Luigi Illica e Giuseppe Giacosa; e El elixir de amor, ópera cómica en dous actos con música de Gaetano Donizetti e libreto en italiano de Felice Romani.