"Chámalle X" foxe do ruído da rúa para retomar o estudo da arte sonora
Por Alejandro Espiño
Chámalle X, as xornadas de Arte en Acción que celebran en Pontevedra ininterrompidamente dende 2004, chegan á súa novena edición. Será cunha programación que mantén a temática do curso anterior, os sons que o corpo humano pode emitir ou fabricar "pois é un campo tan amplo e importante dentro da performance que non se puido abordar nun só ano", explicou o seu director, Carlos Tejo.
Durante a súa presentación, a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, destacou o "longo" percorrido das xornadas e como axudaron a proxectar a imaxe da Universidade de Vigo en Pontevedra. "Nos primeiros anos, a Facultade de Belas Artes e en concreto esta actividade contribuíron a espertar este campus na cidade", sinalou a vicerreitora, un festival artístico "moi consolidado" tamén comprometido coa igualdade de xénero.
"Nesta edición Chámalle X logrou un equilibrio extraordinario con catro homes e catro mulleres convidados", relatou Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade, que considera necesario seguir loitando para visibilizar o talento e as iniciativas femininas na arte. "Neste caso falamos de sons producidos polo ser humano e que maior representación que ter exemplos de corpos masculinos e femininos", engadiu.
Unha ampla programación cultural
Para esta novena edición, Chámalle X presenta un programa de accións artísticas do 17 ao 23 de novembro en horario de tarde no que teñen cabida grandes nomes da performance nacional e artistas noveis "que están comezando a súa andaina profesional e que lles pode servir como axudar para lanzarse no mercado, coincidindo que moitos e moitas son ex alumnado desta facultade", explicou Carlos Tejo.
Así, o sábado 17 de novembro Chámalle X arrinca coa performance Cue&Review de Andrés Galeano no Museo Marco de Vigo, que ofrecerá un espectáculo "moi intimista". Para a vindeira semana as accións trasladaranse á Sala X da Facultade de Belas Artes, o martes 20 da man da artista catalá Carme Miñas, "cunha obra vencellada á música contemporánea e experimental na arte en acción", e de Sonia Tourón, ex alumna do centro e que presentará un traballo moi ligado á problemática de xénero.
O mércores 21 será a quenda de Pere Sousa que ofrecerá un concerto fonético inspirado na arte vangardista de comezos do século XX, e de María Roja cunha peza titulada Pó é pó é pó. O xoves pecharán o ciclo de performances Bartolomé Ferrando e Avelino Saavedra coa acción A partir de un gruñido de letra, e Montserrat Palacios e Llorenç Barber, artistas de longa traxectoria que ofrecerán "un concerto sonoro moi persoal", ademais de presentar o seu libro La mosca tras la oreja: de la música experimental al arte sonoro en España o venres 23 no Museo Marco, poñendo punto e final a esta nova edición de Chámalle X.