Chévere estrea en Pontevedra un 'cabaré nihilista' herdeiro das 'Ultranoites' da Nasa
Por Redacción
País dos Ananos. ÿ a última produción de Chévere, un espectáculo coral no que a música cobra grande importancia e que a propia compañía teatral define como 'cabaré nihilista'. ÿ, en realidade, un espectáculo herdeiro das 'Ultranoites' que se organizaron dende 1993 na Sala Nasa de Santiago e polas que pasaron "toda a fauna teatral galega dos últimos 20 anos", segundo indicou Xesús Ron.
Despois dun longo tempo de ensaios, Chévere estreará este novo espectáculo no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra para despois encarar dúas semanas en Teo (A Coruña) e, a partir de aí, abrirse a unha xira da que aínda non hai datas pechadas. A estrea será o venres 11 de abril ás 21.00 horas e as entradas xa poden adquirirse dende este venres en Servinova a 8 euros, 5 con desconto de estudantes, parados e xubilados.
As 'Ultranoites' das que bebe País dos Ananos eran unha resposta aos acontecementos da actualidade galega e española de cada momento. Esta nova versión de si mesmas é unha parada no camiño para reflexionar sobre o que se fixo e fai un repaso a toda a historia deste particular cabaré colectivo para realizar unha "crónica dos sucesos de España e Galicia dos últimos 20 anos".
O título tomouno da obra de Celso Emilio Ferreiro Viaxe ao país dos ananos, pero, se é o caso, non viaxan a Venezuela, senón ao país que Chévere ve na sociedade actual. Preséntase como "unha mirada moi satírica, amarca, a veces oscura, retranqueira e moi pesimista do que aconteceu neste país".
Xesús Ron defíneo como un 'cabaré nihilista' porque segue sendo unha obra coral e musical, pero na que o optimismo non ten lugar, porque interpretan que "non hai futuro" e dende o sector teatral galego asumen a "derrota" no seu intento por "contaxiar a liberdade dun escenario ao resto da sociedade".
No escenario daranse cita nove nomes coñecidos da escena galega e de Chévere. Son cinco actores: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Arantza Villar, César Goldi e Xron. E tres músicos que tocan en directo: Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez e Manuel Cebrián. Do elenco cabe destacar que Goldi é unha última incorporación que chegou para substituír a Manuel Cortés, que, durante os ensaios, sufriu unha rotura do tendón de Aquiles.
O espectáculo mestura sketches e unha parte musical, todo con sons e letras orixinais e compostas especificamente para País dos Ananos. Xesús Ron define o apartado musical como "unha banda sonora moi épica" que, por un lado, trasmite a tristura e amargura da mensaxe final de derrota que queren enviar, pero, por outro, trasmite enerxía e "inaugura o novo teatro musical en Galicia".