A praza de Ourense estrea unha sala de exposicións a ceo aberto
Por Oskar Viéitez
A Praza de Ourense convértese dende este martes e ata o mes de setembro nunha sala de exposicións ao aire libre.
Segundo explicou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, o Concello programou neste espazo urbano un total de sete mostras que aproveitarán un mesmo soporte físico para divulgar diferentes conmemoracións que coinciden este ano 2014 coa idea de facer partícipes ao maior número de persoas.
A exposición "Quince anos de Noites Abertas" será a encargada de estrear esta iniciativa. Ata o próximo 15 de maio unha colección de fotografías recordará esta exitosa iniciativa pola que pasaron 65.414 persoas, 1.255 monitores e 360 asociacións.
A seguinte exposición leva o nome de "Chamadorios" e recolle un resumo do estudo de toponimia local elaborado polo departamento municipal de Normalización Ligüística.
A mostra "Orgullo" destinarase a visibilizar a liberdade de opción sexual coincidindo dentro doutras celebracións que terán lugar eses mesmos días.
Do 9 ao 25 de xullo a Praza de Ourense recollerá os 110 anos da Banda de Música de Pontevedra. Todo un repaso pola historia desta agrupación musical tan enraizada no municipio.
Da música máis clásica tomará o relevo o "Rock en Pontevedra", ou o que é o mesmo: os cinco anos de percorrido que leva o Local de ensaio, no que naceron e creceron un gran número de grupos de gran calidade.
A conmemoración dos 25 anos de vida do Centro Comercial Urbano Zona Monumental será recollida noutra das exposicións previstas para o verán.
E finalmente a "Praza da Ferrería" será a protagonista da última das mostras. Un traballo elaborado polo arquiveiro municipal, Enrique Sotelo que fai un completo repaso por este lugar emblemático da cidade.