Vetusta Morla: "O de Pontevedra será un concerto moi potente. As cancións novas achegan un extra de enerxía"
Por Alejandro Espiño
Hai xa semanas que as entradas para ver a Vetusta Morla en Pontevedra (xoves 1 de maio, Pazo da Cultura) están esgotadas. Ao igual que na maioría dos máis de trinta concertos que compoñen ata o momento a xira de presentación de La deriva, o terceiro disco da banda madrileña. Mesmo antes de que se editase. "Agradecemos día tras día que a xente comprase as entradas sen saber o que ían escoitar", asegura Jorge González, un dos seus membros, ao outro lado do teléfono.
Non é a primeira vez que actúan en Pontevedra. Fixérono xa en 2009. Un ano antes editaran Un día en el mundo e, como recoñece o percusionista e programador da banda, ata entón Galicia "case era o único sitio de fóra de Madrid ao que saíamos a tocar". De aí que actuar en terras galegas "é como estar na casa, nos dá certa tranquilidade e por iso é unha das razóns polas que sempre nos gusta ir ao principio de xira".
Ademais de Pontevedra, Vigo e A Coruña para este último concerto aínda quedan localidades á venda poderán gozar das novas cancións de Vetusta Morla. E Jorge González non dúbida de que o público galego volverá arroupalos cos brazos abertos porque "a xente sempre nos recibiu moi ben alí e por iso para nós volver a Galicia sempre é un gustazo". Para agradecerllo, adianta, a banda prepara un espectáculo "moi potente".
Chegades á nosa cidade con La deriva. Como describirías este terceiro disco voso?
La deriva é un disco que segue un pouco o ronsel que, musicalmente, deixaramos con algunhas cancións de Mapas como El hombre del saco. Pero fixemos máis evidentes algunhas das cousas que ao final da xira pasada nos quedaron moi claras e que calaran na banda. Queriamos facer as cousas máis sinxelas. Intentamos simplificar os arranxos, para que ter máis aire arredor e conseguir que todo soe máis grande.
"O que estamos a recibir é que de primeiras o disco non entra moi ben, igual que pasaba cos outros dous"
ÿ quizais un disco máis directo, non? Hai un son máis cru, máis frontal.
Na forma de compoñer si, ao mellor de escoita non tanto. O que estamos a recibir é que de primeiras o disco non entra moi ben, igual que pasaba cos outros dous. Aínda que isto me custa un pouco valoralo despois das dúas primeiras semanas na rúa. Pero as cousas non as fas con intencionalidade, non te formulas facer un disco máis directo. Musicalmente isto é o que nos enche e cremos que é o que nos pode funcionar.
E as letras, nalgúns momentos, son máis combativas, con máis conciencia social. Tiñades certa necesidade de abordar esta cuestión ou foi xurdindo a medida que iades compoñendo o disco?
Como os discos anteriores, son letras que falan da nosa experiencia, do que imos vendo no día a día. Sobre todo Juanma e Guille, que son os que as escriben. O que vivimos estes últimos cinco anos foinos calando e fai que iso se reflicta no disco. Si que ten unha temática que fala diso, pero non lle vexo un espírito combativo. Só explicamos unha realidade que afrontamos a diario e como é nosa forma de vivilo. Probablemente se está a ver así polos dous adiantos que sacamos, Golpe maestro e La deriva, que si teñen quizais ese toque que comentas e fai que che condicione a visión do resto do disco.
E estades contentos co resultado?
A verdade é que si e sobre todo despois de poñelo en concerto. Estabamos moi seguros, pero sempre che queda esa pequena dúbida de ver como funcionan esas cancións en directo. Con Mapas tiñámolo claro porque eran cancións que se traballaran no local tocando todos á vez, pero esta vez fómolas traballando pouco a pouco. Cando estaba feita unha canción xuntabámonos a gravar, levábaa unha persoa e alongábaa ou cortábaa, logo volviámola probar... foi unha composición máis desfragmentada, por iso o concepto da deriva entrábanos tan ben.
Precisamente é a primeira vez que traballades cun concepto como punto de partida.
Rematou Mapas e separámonos catro ou cinco meses. Practicamente nin nos vimos. Volvémonos reunir hai case un ano para unha viaxe en Colombia. Alí a idea do novo disco empezou a fluír. Estabamos pendentes de pechar varios proxectos como a BSO de Los ríos de Alice, a edición do disco coa Orquestra Sinfónica, unha xira por México... e fóronse solapando as cousas.
Dentro da deriva que cada un levaba, xuntámonos nun mesmo camiño. E ao ser o disco que compuxemos en menos tempo, coller un concepto así axúdache a matizar dunha forma máis directa. Se tes dúas ou tres opcións, tes máis claro con cal quedar, tanto no lírico como o musical. Foi algo máis inmediato, que creo que tamén se reflectiu no disco. Soa como un pouco máis vivo.
"Queriamos facer algo que tivese unha coherencia e que o punto de partida fose máis alto que o de Mapas"
Resultouvos doado encaixar as novas cancións coas anteriores? Nos últimos concertos de Mapas xa se vía certa reinterpretación de cancións antigas. Seguistes esa liña?
As cancións do primeiro disco, sobre todo. Requirían unha volta e estamos moi contentos do resultado, a verdade. Queriamos facer algo que tivese unha coherencia e que o punto de partida fose máis alto que o de Mapas. Custounos ver non que cancións iamos meter no repertorio, se non que cancións xuntas crean un mellor discurso ou axúdannos a que o concerto flúa mellor e a conseguir os diferentes matices que queriamos lograr. Nesta xira de La deriva imos facer un traballo escenográfico moi centrado na temática e o concepto e por iso escoller a orde axeitada era tan importante.
Linvos nalgunha que outra entrevista que con cada disco, descartades un montón de cancións. Ata 30 no caso de Mapas e 22 agora con La deriva. Algunha vez verán a luz? Pensáchedes nun disco de caras B?
Pois non o sei. Non o falamos, a verdade. Ás veces dános un pouco de pena porque hai cancións moi interesantes que quedan fóra porque non encaixan co resto do repertorio. Están aí e xa se verá nun futuro o que facemos con elas.
Sexa como sexa, os primeiros concertos da xira están a ser un éxito. Entradas esgotadas na maioría das datas anunciadas, mesmo antes de sacar o disco, volo esperabádes?
A verdade é que a xente reaccionou moi ben. Agradecemos día tras día que a xente comprase as entradas sen saber o que ían escoitar. Queriamos partir dun mínimo, que era a base que fixeramos o ano pasado, pero non pensabamos que ía ser así. Por exemplo, as entradas dos cinco días en La Riviera (Madrid) esgotáronse xa en Nadal. Parece que eles teñen máis confianza e fe cega en Vetusta Morla ca nós mesmos. Agora tócanos facer bos concertos, que para iso a xente comprou as entradas.
E a pesar da crise e do IVE cultural...
Así é. A situación económica é a que é, a xente non ten traballo, non ten diñeiro. Nós fixemos un esforzo moi grande por manter os prezos o máis baixos posibles, pero o 21% de IVE fainos moito dano. E hai que meter gastos, os soldos da xente que vén contigo e ademais sacar algo de beneficio para que cando pares un ano para compoñer esteas tranquilo e poidas pagar o seguinte disco. Son números moi complicados e non nos facilitan nada o camiño.
"Fixemos un esforzo moi grande por manter os prezos o máis baixos posibles, pero o 21% de IVE fainos moito dano"
Non sei se tal e como está o mundo da música vos sentides afortunados. Traballastes moito, iso é obvio, pero imaxínome que non é doado ter chegado onde estades.
A verdade é que non, pero tampouco nos puxemos nunca un obxectivo de onde queriamos chegar. Hai que ser moi consciente de que as cousas non son para sempre. Sabemos que isto algún día parará e se rematará. O agradecemento sobre todo é á xente que compra as entradas e os discos, porque o que conseguen é que nós sigamos para adiante. Por un lado está a ilusión de saír a tocar e ensinar cancións novas, esa cousa que sentes, e por outro, o apoio da xente. Sen eses dous piares non vas a ningún lado.
Levades quince anos xuntos. Erades amigos antes da banda, supoño que iso axuda á hora de seguir unidos despois de tanto tempo, de traballar máis cómodos...
Sobre todo axuda a complicidade, saber en que momento está cada un. Coñecémonos xa moi ben como para traballar a gusto e saber os espazos que ten cada un. O importante é saber manexar eses espazos persoais, de forma que se un ten un mal día ou unha mala época, hai que deixarlle aire. Ou todo o contrario, se ten un bo día hai que sabelo aproveitar. Hai que saber o que tes que facer ou deixar de facer para que a convivencia flúa.
Ao final facer un disco e irse de xira non é máis que convivir, igual que meterse todos os días cinco horas nun local de ensaio con compañeiros e ir traballando e dando opinións sobre cada paso do proceso. Se directivos de empresas se machucan para que a súa decisión sexa a elixida pensando que é a mellor, imaxínate para algo artístico que leva parte de ti. Hai que ser moi empático e saber traballar para que todo saia adiante da mellor forma posible e que todo o mundo se sinta cómodo co que está a facer.
E xa para rematar e volvendo ao concerto do xoves, que imos ver en Pontevedra?
Serán unhas dúas horas de concerto. Tocamos todas as cancións de La deriva e imos salpicando con gotiñas dos discos anteriores. Eu creo que no musical é moi potente, porque as cancións novas achegan un extra de enerxía moi chulo e as readaptacións das cancións anteriores, como te dicía antes, creo que son moi acertadas. Seguramente dentro de cinco meses direite, que mala decisión tomamos, tiña que ter sido doutro xeito. Pero agora mesmo temos moi claro que ten que ser así.
E de novo con Zoé, un grupo que vos acompaña bastante tanto en España coma en México...
Ben, eles acompáñannos en España e nós en México (ri). Os seus concertos son unha loucura. O disco novo que sacaron é un discazo e para nós estar alá con eles é incrible. Ver alí como se viven as cancións de Zoé, con xente que as canta coma se lle fose a vida niso... fante ver e sentir o disco noutra dimensión máis grande. Hai moi boa relación con eles. Para nós estar un mes con Zoé é garantía de que imos estar moi a gusto.