O teatro adáptase ás persoas con discapacidade en Saiar
Por Redacción
O centro ocupacional de Saiar, en Caldas de Reis, acolle esta semana o programa de teatro adaptado para persoas con discapacidade 'Enamórate de Lope'. Trátase dunha obra teatral dirixida moi especialmente a persoas con discapacidade intelectual organizada pola Secretaría Xeral de Política Social.
A representación correrá a cargo da compañía Blanca Marsillach este martes 6 de maio ás 11.30 horas. Está previsto que a mesma poidan asistir non só os usuarios e traballadores do centro, senón tamén os usuarios do centro da asociación 'Con Eles', acompañados de traballadores; así como usuarios e traballadores do centro ocupacional Sorribas.
A través da representación, adaptada ao colectivo de persoas con discapacidade intelectual ao que vai dirixida, tratarase de achegar, dunha forma interactiva e co protagonismo dos asistentes, un anaco da literatura clásica de Lope de Vega, segundo informa a Conselleria de Traballo e Benestar Social.