Máis de 280 escolares participan esta semana no Trotacontos
Por Redacción
A Concellaría de Normalización Lingüística colabora cos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino de Pontevedra para promover o uso do galego entre o alumnado de infantil e primaria do concello a través do Trotacontos.
Esta actividade consiste en crear un conto: imaxinar a historia, escribila e ilustrala, de xeito colaborativo, entre alumnado de diferentes centros de ensino. Cada centro crea unha parte da historia.
A actividade está impulsada polo profesorado e ten como obxectivo favorecer a imaxinación, a creación e a lectura en galego entre os nenos que participan. O Trotacontos tamén axuda a crear espazos para que os nenos se relacionen en galego; este é un dos retos do profesorado de educación infantil e primaria, xa que non é doado crear o ambiente idóneo para activar a lingua oral entre o alumnado.
A Concellaría de Normalización Lingüística apoia esta actividade "polo valor que ten para asegurar o futuro da lingua". Colabora imprimindo os contos e axudándolles a facer a presentación dos traballos nos colexios.
Desde hai un par de anos en vez de facer un acto conxunto, organizanse presentacións dos contos nos propios centros que participan: hai un contacontos que lles presenta o conto dramatizado, organizan un "como se fixo" e entréganse os exemplares aos nenos.
Os temas deste ano son:
- Para educación infantil: os instrumentos tradicionais (culleres, cunchas, sachas, zanfonas, pandeiretas, botellas, gaitas, castañolas, canizo, zambomba e fouciño).
- Para educación primaria: a agricultura familiar (carro, horreo, lagareta, muíño e arado).
As escolas que participan nesta edición son: Fina Casalderrey, Concepción Crespo Rivas, Verducido, Campolongo, Marcos da Portela, Marcón, Parada-Campañó, San Benito de Lérez e Santo André de Xeve.