Dez librarías participan ata o 15 de xuño na Feira do Libro Antigo e de Ocasión de Pontevedra
Por Redacción
Os amantes da lectura non teñen escusa para non ampliar as súas respectivas coleccións. E moito menos, o prezo actual dos libros. O Paseo de Odriozola acolle ata o próximo 15 de xuño unha nova edición da Feira do Libro Antigo e de Ocasión, organizada un ano máis pola Federación de Libreiros de Galicia. Un total de dez librarías poñerán á venda uns 50.000 exemplares, entre os cales pódense atopar verdadeiras xoias.
Durante a súa inauguración, a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, sinalou que nesta feira de Pontevedra "hai auténticas marabillas, libros e facsímiles moi asequibles para a xente". Trátase dun evento, sinalou, cuxa oferta complementa á Feira do Libro Novo, "porque o público que ven a esta feira é diferente".
Non só pola presenza de coleccionistas en busca dalgunha xoia para incorporar á súa biblioteca, senón porque a esta feira achégase tamén moita xente, segundo a presidenta dos libreros galegos, con poucos recursos. "Podemos ver a familias que por un euro poden mercarlle un conto aos seus fillos", sinalou, polo que destacou que este tipo de feiras desempeñan tamén un labor moi importante de difusión da lectura.
As casetas das dez librarías que participan na Feira do Libro Antigo e de Ocasión de Pontevedra estarán abertas entre as 11.00 e as 14.00 horas e as 17.00 e as 21.00 horas. En todo caso, as fins de semana está previsto que o horario de peche se atrase media hora.