Pontevedra acolle a estrea de "Somos tan imbéciles", unha obra de teatro interpretada por actores cegos
Por Redacción
A compañía de teatro Valacar, subvencionada pola ONCE, presentou este martes en Pontevedra a súa nova montaxe. Trátase da obra Somos tan imbéciles, escrita e dirixida por Lino Braxe, quen está á fronte da agrupación teatral dende hai uns meses. A estrea terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra.
Segundo explica o propio Lino Braxe, "Somos tan imbéciles é o título dunha obra de teatro, mais ao mesmo tempo é o título dun programa de televisión. Un programa vespertino, ao xeito dun magazine no que inclúen conexión internacionais e nacionais, así como concursos e entrevistas". Engade que o programa-obra ten música en directo, o que lle da una grande axilidade aos textos.
Nesta obra de Braxe interveñen doce actores, cinco videntes e outros sete con cegueira ou discapacidade visual e afiliados á ONCE: Antonio Rumbo, Yésica Val, Felipe Cotelo, Manuel Carballido, Ana Docampo, Anxo Mangas, Héctor Fraga, Luz Míguez, Norma López, Marisé Vidal, Trini Canosa e Maite San Juan.
VALACAR, 25 ANOS FACENDO TEATRO
O grupo de teatro Valacar chega neste ano 2014 ao seu 25 aniversario. Fundada no ano 1989 na ONCE de A Coruña, tense consolidado como a primeira compañía teatral de Galicia composta por actores e actrices cegos. Nestes anos de traballo teñen estreado numerosos montaxes e participado nas bienais estatais organizadas pola ONCE, ademáis de ser anfitriona dunha destas mostras.
Entre as súas montaxes destacan farsas e comedias como Romerías ás covas do demo, Farsa Plautina, Lisístrata ou Os cravos de prata. Na súa traxectoria teñen feito rir, cavilar ou chorar e sempre demostrado que a interación das persoas cegas na sociedade tamén é posible grazas á cultura e ás artes escénicas.
Xunto con outras 28 agrupacións teatrais nacidas no seno da ONCE e subvencionadas e apoiadas pola organización, está en posesión do Premio Max de Teatro Aficionado 2013.