O Speaker's Corner pontevedrés
Por Oskar Viéitez
O Speaker's Corner, que en galego sería algo así como o "Recuncho do orador", é unha zona onde se permite falar en público.
Atópase situada no extremo noreste de Hyde Park en Londres. Alí permíteselles falar aos oradores sempre que a policía considere que os seus discursos non violan a lei.
Emulando a esa famosa esquina, a asociación Culturgal sacou á praza da Ferrería o Stand do público, un espazo ideado por María Yáñez e Illa Bufarda para que a xente deixe as súas recomendacións e opinións sobre a cultura galega.
Algún mesmo se atreveu a recitar un poema ou cantar un anaco da súa canción favorita. O resultado destas primeiras entrevistas poderase ver na web e nas redes sociais de Culturgal e sumarase, a partir do venres 30 de novembro, ás do público que asista á Feira.