María Garzón: "Xa está ben de estar calada e aguantar como fixemos ata agora"
Por Alejandro Espiño
Ás 14.55 horas o teléfono soou por última vez. Era Aurora.
- María, o teu pai xa saíu do Supremo. Teño malas noticias
Así comeza Suprema Injusticia, o libro de María Garzón (Sevilla, 1982), a filla do xuíz Baltasar Garzón, escrito para dar a versión dos feitos dunha familia que "o pasou moi mal", durante todo o proceso xudicial que acabou coa carreira do maxistrado. "Necesitaba dar voz ao sentimento familiar, non só meu, senón ao da miña nai e os meus irmáns, dar a coñecer que foi un proceso que non só afectou ao meu pai", explica.
En certo xeito, trátase da continuación da carta que enviou aos medios o pasado 9 de febreiro, cando o Supremo inhabilitou ao seu pai polo caso das escoitas da Gürtel. Titulada A los que hoy brindarán con champán, advertía: "Nunca derramaremos unha soa bágoa pola súa culpa. Non lles daremos ese gusto". Agora vai moito máis alá. Farta de "versións ferintes", dá a súa. "Xa está ben de estar calada e aguantar como fixemos ata agora. Débollo ao meu pai".
Antes de escribir o libro, consultáchelo co teu pai?
En realidade, tomei a decisión co meu home e logo díxenlle que a tomamos (rise ao recordalo). Díxome que fixese o que quixese, que el quería manterse á marxe. Sobre todo para que non pensasen que era a súa voz a que falaba a través miña. Leuno ao final e xa está. No único en que me axudou foi a porme en contacto con aqueles cos que necesitei falar en cada momento.
E gustoulle?
Si, gustoulle. Só me dixo que había cousas que el contaría doutro xeito. Pero entendeu que se trata da miña visión, que non ten por que coincidir coa súa. Creo que, en certo xeito, está orgulloso do resultado. Pero máis como pai que como xuíz.
No libro debullas todo o que viviches e sufrido (así o describe ela mesma) á beira do teu pai durante todo o proceso xudicial que derivou na súa inhabilitación. Co paso do tempo, que recordas daqueles días?
A min quedáronme dous momentos gravados na memoria. Un, o descenso do meu pai polas escaleiras da Audiencia Nacional, o día da súa expulsión efectiva e física. Pilloume nun momento moi delicado. Acababa de ser nai apenas 15 días antes. A miña avoa estaba coñecendo á súa bisneta e a miña nai chamoume por teléfono dicíndome que o meu pai estaba abandonando os xulgados. Emocionalmente foi moi impactante. E logo o momento da sentenza, claro. Foi un shock moi forte. Non tiñan nada na súa contra e aínda así foron durísimos con el.
Como vivíchedes vós todo o que ía sucedendo?
A nós fíxosenos moi longo. Foron tardando en ir tomando cada unha das resolucións. Dáme a impresión de que para que o calvario fose máis longo e mentres en determinados medios de comunicación puidésense soltar todo tipo de acusacións. Ese foi o outro xuízo paralelo, un no que xa estaba condenado desde o minuto un.
"O problema foi o franquismo (...) A Gürtel era a escusa perfecta para conseguir a inhabilitación e salvar a imaxe da xustiza española. Pero non o conseguiron"
Cres polo tanto que foron a por el? Que o único que importaba era quitalo do medio?
Foron a por el claramente. Non digo que sexa cousa dos xuíces, pero o certo é que lles era incómodo. Hai moita xente en España que vai facer o seu traballo e punto. Amólalles que ti queiras ir máis aló. E hai envexas. Pero o peor non é iso. O que lle pasou a Garzón pasoulle e vai seguir vivindo, pero creouse un precedente, un aviso a navegantes. Pode haber xuíces que agora teñan medo de tomar certas decisións para que non lle pase o mesmo. E iso é o perigoso de todo isto.
O teu pai foi inhabilitado polas escoitas da Gürtel, pero ti insistes no libro que a verdadeira razón foi por investigar os crimes da ditadura franquista...
Teño moitas discusións con xente que me di que o problema foi a Gürtel. Non, o problema foi o franquismo. Neste país non se pode falar de restituír ás vítimas, parece que queremos desmembrar España. A Gürtel era a escusa perfecta para conseguir a inhabilitación e salvar a imaxe da xustiza española. Pero non o conseguiron. Non é normal que o primeiro condenado polos crimes franquistas sexa o xuíz que os investiga. Iso internacionalmente non se entendeu. Fóra de España ninguén se explica o que ocorreu. Quixeron cargarse a unha figura, pero conseguiron o contrario. Converteron ao meu pai nunha especie de mártir.
Meterse en política no seu momento (Garzón foi deputado do PSOE entre 1993 e 1994) foi o seu gran erro?
Eu entendo a súa decisión, pero equivocouse. Non hai máis que velo. Mira o que deron de si once meses de carreira política. Aínda se lle di que o que fai agora, a pesar de pasar case vinte anos, é por aquilo. E era un inxenuo. Pensou que a política era outra cousa. Haberá políticos moi bos, pero cando chegan aos altos mandos, non lles interesa a cidadanía, interésalles manter o poder e os seus propios intereses. Estámolo vendo agora cos desafiuzamentos.
Cres que de aí derivan gran parte dos seus inimigos?
Penso que o meu pai xa non era necesario. Xa se acabou o terrorismo de ETA, contra o que estaba moi implicado. Foi un dos primeiros que se atreveu a xulgar aos grandes narcotraficantes galegos. E puxo moi nerviosa á dereita co tema da Gürtel e o franquismo, ademais de sectores progresistas que tiñan algo persoal con el. Molestaba a moita xente.
Sexa como sexa, aseguras que o que non conseguiron é manchar a imaxe pública do teu pai.
Eu tiña medo de que a xente de a pé acabase pensando que este señor chegou onde chegou e corrompeuse. Pero recibimos tanto apoio que creo ata que a súa figura saíu reforzada. ÿ que se non o fixeran dunha forma tan descarada, igual se manchaba máis a súa imaxe. Foi flagrante. Salvo para aqueles que se cren as súas propias mentiras e só se guían polo que ven en determinados medios de comunicación.
"Creo na xustiza que representaba o meu pai e que, afortunadamente, imparten moitos xuíces deste país, pero non na xustiza que se impartiu con el"
E Baltasar Garzón asimilou xa todo o que lle pasou?
Fíxoo moi rápido. Ten unha capacidade incrible de levantarse do chan e seguir para adiante. Ao contrario do que pensaban algúns, que o ían a anular como profesional, non foi así. O que pasa é que el é xuíz, séntese xuíz e quíxoo ser toda a súa vida. En ningún sitio séntese tan cómodo. Pero nós facémoslle ver que pode facer cousas moi importantes desde outros ámbitos. Por exemplo, agora estamos impulsando a súa fundación, que conta con proxectos moi importantes en España e Latinoamérica.
Recollendo unha reflexión que sobrevoa todo o libro, pregúntoche claramente: María Garzón segue crendo na xustiza?
Creo na xustiza que representaba o meu pai e que, afortunadamente, imparten moitos xuíces deste país, pero non na xustiza que se impartiu con el. E o peor de todos estes meses foi decatarse de como é esoutra xustiza que non coñecía, de camarilla, de acordos de corredor... As grandes institucións da xustiza están corrompidas.
Compartes entón a mala imaxe que teñen os cidadáns da xustiza?
Claro que si. Non só polo do meu pai. A absolución de Camps, o xuíz de Marbella que roubou 200.000 euros e non perdeu a súa praza, o caso Dívar... ÿ normal que a xente estea desencantada. Afortunadamente agora a Audiencia Nacional volve tirar da xustiza. Hai maxistrados como o xuíz Pedraz ou o xuíz Andreu, que están tomando decisións importantes. Outro tema é o Supremo... cáusame repulsión.
"O Tribunal Supremo cáusame repulsión. ÿ un tribunal herdado do franquismo. Non caben en democracia".
Vexo que non conseguiches perdoar...
Polo menos aos que xulgaron ao meu pai, non. Houbo moitas irregularidades. Non podes estar xulgando a unha persoa en varios procedementos á vez e tomando decisións paralelas. Se ata lles parecía mal que viñesen os compañeiros a apoialo. Mira, direicho moi claro. ÿ un tribunal herdado do franquismo. ÿ hermético, xúlganse entre eles mesmos, teñen o cargo para sempre, salvo que renuncien ou se xubilen... Non caben en democracia.
Estamos falando de non esquecer, en que lugar quedaría pois a petición de indulto para o teu pai?
Mira, eu agradezo a petición de indulto que presentou ante o Ministerio de Xustiza a Asociación de Maxistrados Europeos pola Democracia e as Liberdades. Son 1.500 xuristas de todo o mundo. Como me vai a parecer mal? Pero se a condición para que llo dean, é que pida perdón, síntoo moito, pero non. El non fixo nada malo. Non pode pedir perdón por algo que non cres que fixeras mal.