Sarcófagos e pezas do antigo Exipto nunca antes expostos, no Sexto Edificio do Museo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O Sexto Edificio do Museo acolle dende este xoves 10 unha exposición sobre o antigo Exipto que contén 132 pezas que resultan atractivas para calquera visitante interesado en obras obtidas en traballos arqueolóxicos e que, en moitos casos, resultan inéditas e nunca antes foron expostas ao público.
A exposición, que leva por título 'Da vida á morte no Antigo Exipto', ten un trazado labiríntico "coma se se tratase da canle do Nilo", tal e como sinala Teresa Bedman, unha das comisarias da exposición, percorre diferentes temáticas da arte exipcia comezando polos deuses e a realeza para introducir o visitante na vida cotiá e no importante labor das mulleres no antigo Exipto.
A mostra péchase cun espectacular espazo dedicado á morte no que se recollen sarcófacos de diferentes dinastías e unha peza nunca exposta, a caixa dun rei na que se recollía material de momificación. Esta caixa é a primeira vez que sae de Italia e o catálogo será un referente para os estudosos ao tratarse dunha peza única no mundo, indicaba Bedman.
Pero ao longo destas obras pódense observar pezas como o ronsel de Ptah Mose, unha peza rara que chegou a Italia a través da colección dos Médici, segundo os comisarios que mostra a un funcionario que viviu o momento da revolución relixiosa. Esta obra arqueolóxica serviu para fundar o Museo Egizio de Florencia, o segundo máis importante de Italia despois do de Turín.
Outras pezas como a dunha muller que elabora cervexa; un grupo familiar no que se recolle o status igualitario entre a muller e o home que existía na civilización exipcia; un fragmento de relevo da tumba de Sethy I, procedente do Val dos Reis; diferentes espellos; xoias ou talles das concubinas dun defunto completan unha exposición que, segundo os organizadores, resulta única en España.
A inauguración da mostra realizarase este xoves ás 20.00 horas no Sexto Edificio do Museo pero previamente o presidente da Deputación provincial, Rafael Louzán, e a deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez, realizaron unha visita a esta exposición que mostra obxectos de relevante importancia histórica e artística. Permanecerá aberta ata o 31 de agosto.
Relacionadas:
-
Máis de 40.000 persoas visitaron a exposición sobre Exipto no Sexto Edificio do Museo
Por Redacción |
-
Máis 12.000 persoas visitaron xa a exposición sobre o Antigo Exipto no Sexto Edificio do Museo
Por Redacción |
-
A cultura do Antigo Exipto, próxima exposición no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra
Por Redacción |