Atlántica, Visceral Eyes e Jhonander estrean os primeiros '15 bolos' do verán no centro histórico
A música emerxente de Pontevedra tomou o centro histórico. Pola mañá era momento de vela. A Praza de Ourense acollía a inauguración da exposición Rock & Lérez. E pola noite, de escoitala. Comezaba os '15 bolos', un ciclo de concertos ao aire libre que traerá a 14 destas bandas aos dous escenarios instalados nas prazas da Verdura e Teucro. Unha oportunidade única para comprobar o talento dos nosos músicos locais.
Atlántica foi a proposta musical que inaugurou este ano os '15 bolos'. ÿ o alter-ego de Fátima Baña, unha moza que comezou a súa carreira musical en The Sixties, unha banda que versionaba éxitos dos anos 60. Pouco a pouco empezou a compoñer as súas propias cancións, buscando o seu propio estilo. Tras pasar por varios grupos decidiu explorar a súa faceta de cantautora, dotando os seus temas dunha gran dose de forza e intimismo.
Tras este primeiro concerto na Praza da Verdura, a música trasladouse ao Teucro. Os primeiros en subirse ao escenario foron Visceral Eyes, un proxecto que naceu dunha especie de composición online. Tras ano e medio tocando xuntos, mostraron na súa actuación os temas de Nebula, un EP de cinco cancións que editaron recentemente e no que ensinan un estilo próximo ao post punk ou ao dream pop, todo iso cun toque persoal.
Esta primeira sesión dos '15 bolos' pechouna Jhonander, banda liderada por tres irmáns, Jesús, Pedro e Miguel Vidal, cunha longa traxectoria en festivais e salas de concertos con outros grupos. Presentaron en directo o seu primeiro EP, un traballo co que demostran ter as ideas moi claras. Apostan por un son moi coidado e unhas melodías pegadizas, ademais das doses de potencia e orixinalidade necesarias para chamar a atención.
Os concertos deste ciclo continuarán durante toda a semana:
- Martes 29: Sinerxia (21.30 horas, Verdura) + Mala Hierba e Solfabirras (22.30 horas, Teucro)
- Mércores 30: Juan Pablo Charlo Band (Verdura) + Green Envy e La calle del ruido (Teucro)
- Xoves 31: A casa dos ingleses (Verdura) + La4Pared (Teucro)
- Venres 1: Mr. Magoo (Verdura) + De buena tinta e La buena magia (Teucro).