A música 'made in Pontevedra', orgullosa do éxito da nova edición do ciclo 15 Bolos
Se a saúde do panorama musical emerxente de Pontevedra se mide polo que vimos toda esta semana no ciclo '15 Bolos', a conclusión está clara. Hai música para tempo e cunha calidade global ao alcance de moi poucos. Centos de persoas pasáronse polas prazas da Verdura e o Teucro para escoitar en directo a bandas moi novas en anos sobre os escenarios, pero moi grandes na súa profesionalidade e entusiasmo.
Tras os concertos iniciais de Atlántica, Visceral Eyes e Jhonander, que xa deixaron o listón moi alto para os seus compañeiros, outras once bandas pontevedresas mostraron a súa música nun ciclo que xa se consolidou como parte da programación das Festas do Verán de Pontevedra. Un evento que permite a estes mozos ensinar o seu talento ante a súa xente, un plus de motivación máis para todos estes grupos.
O martes foi a quenda de Sinerxia, un cuarteto que versiona jazz, blues ou soul dándolle un estilo moi persoal. Actuaron na Verdura, mentres que o escenario do Teucro o ocuparon Mala Hierba, que aposta por un rock nacional; e Solfabirras, que deron renda solta á súa vea punk e roqueira.
Un día despois, os '15 Bolos' ofrecéronnos as actuacións de Juan Pablo Charlo Band, cuxo estilo fusiona funk, soul, blues ou rock; Green Envy, coa súa enérxica proposta de rock duro e La calle del ruído. O xoves, a cita foi con La casa de los ingleses e La4Pared, dúas bandas que se moven dentro do rock e o pop indie.
O único 'lunar' deste ciclo púxoo a chuvia que caeu o venres e que obrigou a suspender as actuacións previstas como peche destes concertos. Mr. Magoo, un grupo que move na estreita fronteira que separa en ocasións ao pop do rock, tan só puido mostrar varios dos seus temas. De buena tinta e La buena magia xa non puideron subirse ao escenario habilitado na Praza do Teucro.
A música pontevedresa volverá ter o seu protagonismo o próximo sábado. A banda Vortex será a encargada de telonear a Soziedad Alkohólika na Praza de España. Será o primeiro concerto da programación das Festas da Peregrina.
Relacionadas:
-
Pontevedra, eixe central dun circuíto cultural que permitirá a bandas emerxentes actuar por toda Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
La casa de los ingleses aposta polo acústico para o seu concerto no Pub Deluxe
Por Redacción |
-
O grupo pontevedrés 'De Buena Tinta' presenta cunha festa o videoclip 'Buaghira'
Por Redacción |
-
Premios PontevedraFerve 2014: os músicos pontevedreses crean os seus propios 'Grammy'
Por Alejandro Espiño |
-
A 'rockipedia' e un canal de Youtube: a escena musical de Pontevedra, á conquista da rede
Por Alejandro Espiño |
-
Carme da Silva: "Antes as festas eran a procesión, os touros e o baile do casino. Agora todos poden gozar delas"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |