A 'rockipedia' e un canal de Youtube: a escena musical de Pontevedra, á conquista da rede
Por Alejandro Espiño
O Local de Música dará esta tempada "un salto máis alá", segundo o seu coordinador, Diego Parajó. O obxectivo, pasar de ser un centro sociocultural e converterse nunha factoría musical. Buscan poñer en valor e dar visibilidade á canteira "imparable" de músicos que hai en Pontevedra. E Internet será a súa principal ferramenta de traballo. Será, inicialmente, con dous novos proxectos unha 'rockipedia' e unha canle propia en YouTube.
Esta 'rockipedia' será unha páxina web que, ao estilo da popular Wikipedia, mostrará unha información detallada de todos os grupos que, tanto no pasado coma na actualidade, saíron da escena musical local. Será un traballo de documentación conxunto, no que poderán participar as propias bandas e todos aqueles interesados en que a música feita dende Pontevedra teña este importante punto de encontro.
Este proxecto, que pretende servir de cronista da historia do rock na cidade, pretende contar cunha constante actualización. A idea xurdiu tras a recente exposición que se celebrou nos cubos da Praza de Ourense. Presentaba un repaso pola escena musical de Pontevedra durante as últimas décadas, pero converteuse nunha mostra "interactiva", segundo Diego Parajó, porque había quen pegaba nela fotos e información das súas propias bandas.
Nas próximas semanas, ademais, programaranse unha serie de xornadas de gravación na que se pretende contar con todos os grupos e bandas de Pontevedra, ensaien habitualmente ou non no Local de Música. Esas actuacións serán a oferta principal da canle de Youtube na que, de forma paulatina, se irá mostrando o talento musical da escena local. Pouco a pouco iranse introducindo novos contidos como videoclips, reportaxes ou entrevistas.
Estas gravacións realizaranse utilizando unha nova tecnoloxía, a Ultra Alta Definición (UHD), que permite que estes videos conten cun rematado máis profesional e de maior calidade. Serán unha gran tarxeta de presentación para as bandas pontevedresas, moitas das cales empezan a ser captadas por axencias musicais para traballar na súa proxección a través das habituais canles comerciais e redes de salas de concertos.
CORO DE MÿSICA MODERNA
Outra das novidades para este curso no Local de Música é a consolidación do coro de música moderna que se formou durante as actividades de Noites Abertas. O seu director, Lucas Rey, explicou que se trata unha agrupación similar ás que existen noutras cidades e que busca "ampliar ou espectro" de estilos de música que, habitualmente, interpretan os coros tradicionais, apostando por cancións rock ou pop.
Comezarán os ensaios no local o próximo luns e convocaron unhas probas de acceso para o próximo 13 de outubro, a partir das 19.00 horas, para encontrar novas voces que completen esta formación.
Eles serán os que actúen durante a festa de inicio de curso do Local de Música, que se celebrará este sábado ás 20.30 horas.
Relacionadas:
-
Premios PontevedraFerve 2014: os músicos pontevedreses crean os seus propios 'Grammy'
Por Alejandro Espiño |
-
A música 'made in Pontevedra', orgullosa do éxito da nova edición do ciclo 15 Bolos
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Pontevedra presume de factoría musical cunha exposición nos cubos da Praza de Ourense
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |