Éxito da estrea en Pontevedra da película "Encallados", protagonizada por Xulio Abonjo
Por Diego Torrado
O actor Xulio Abonjo volveu á casa. Fíxoo como protagonista da película Encallados, dirixida por Alfonso Zarauza. E con éxito de público. Un Teatro Principal practicamente cheo acolleu este mércores a estrea en Pontevedra deste filme, gañador de tres premios Mestre Mateo, a historia sobre un grupo de amigos enredados no difícil camiño de sacar adiante un filme, co sumario xudicial do caso Prestige como fondo.
A proxección da película, que foi introducida por Alfonso Zarauza e Xulio Abonjo, completouse cun pequeno coloquio tras a súa finalización.
Ademais do actor pontevedrés, o elenco de Encallados complétase con Federico Pérez, Ricardo de Barreiro e Farruco Castromán. A película conta tamén coas aparicións de Luis Tosar, Marcos Pereiro e Patricia Vázquez.
Encallados ten como punto de partida un director de cine que ten que reinventar o guión dun filme en dúas semanas. Entre el e outros dous compañeiros somérxense nun proceso creativo que non parece ir a bo porto, ao ter que lidar coa presión do produtor, as dificultades de escribir sen caer en tópicos e o complicado de equilibrar a creatividade coas posibilidades reais de produción. Todo iso ata que se decatan de que este propio proceso creativo ten entidade propia como historia.