Emilio Pérez Touriño presenta en Pontevedra o seu novo libro, un ensaio crítico coa política actual
Por Diego Torrado
Rodeado de amigos e de numerosos compañeiros do PSdeG-PSOE. Así presentou este xoves Emilio Pérez Touriño o seu novo libro, Crise global e crise da política, na Casa das Campás de Pontevedra. Neste ensaio, o ex presidente da Xunta de Galicia reúne artigos publicados en prensa e outros textos inéditos nos que ofrece unha reflexión persoal sobre a situación económica e política do país, analizada en clave galega.
Emilio Pérez Touriño, que estivo acompañado polo xornalista Xabier Fortes e polo director xeral da editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, desgrana neste libro unha mirada á crise que non se limita á análise, senón que formula unha proposta concreta.
E todo porque asegura que Galicia "está vivindo un dos momentos máis difíciles, un proceso de devalo que xa dura seis anos e do que non se ve aínda o final, por máis que dende o partido do poder intenten consolarnos con décimas de crecemento".
O ex presidente da Xunta recoñece que se aveciña un cambio de época "que anuncia un novo paradigma socioeconómico", probablemente con novos actores e distintas políticas, "malia a teima das forzas hexemónicas en restaurar o vello modelo neoliberal que foi precisamente o que rebentou, con estrépito, a partir do afundimento de Lehman Brothers". E neste asunto, sinala, "tamén o PSOE ten unha parte importante da responsabilidade".
A reflexión de Pérez Touriño realízase co propósito de promover o debate que precede á acción transformadora. Trátase, por unha banda, da visión analítica dun economista perspicaz que repensa en clave inconfundiblemente galega a xénese, o desenvolvemento e o impacto da crise económica. Ademais, no libro pon enriba da mesa a proposta dun político experimentado que cre que é posible devolverlle a ilusión a Galicia.