O grupo Armadiña Teatro pechou o ciclo Teatro no Museo coa representación de Saúde Private Hospital
Por Diego Torrado
Coa obra Saúde Private Hospital pechouse o ciclo Teatro no Museo. A representación correu a cargo do grupo de teatro aficionado Armadiña Teatro que naceu no mes de maio de 2013 no seo da Asociación Cultural, Deportiva e Medioambiental Armadiña de Combarro.
Está formado por unha variedade de persoas do Concello de Poio e a súa contorna, todos eles con diferentes idades, opinións e inquietudes; pero cun mesmo soño de "formar parte do mundo teatral", e dende entón comparten aprendizaxe, vivencias, representacións, nervios e alegrías.
Saúde Private Hospital, con guión e dirección a cargo de Miquel Condal, actor de Pinga Teatro, foi estreada no pasado mes de maio na Comunidade de Montes de Combarro, cun cheo absoluto. Os espectadores que asistiron á representación puideron gozar dunha obra que pretende, de forma cómica, simular vivencias e problemas actuais. A modo de farsa ridiculiza e esaxera accións sufridas por todos na sanidade e na vida en xeral.
Manuel Cao, Ramón García, Alberto Fernández, Sergio Pérez, Mercedes Regueira, Ángeles Torres, Silvia Ramírez, Andrea García, Carolina Muñíz, Tamara Andrés e Carmen Piñón, actuaron nesta representación que contou coa colaboración especial de María Carrera.