Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!
Por Redacción
O vestíbulo do Auditorio do Pazo da Cultura acolle dende este luns a exposición "Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!", organizada pola Concellaría de Normalización Lingüística para celebrar os 20 anos do nacemento deste movemento cultural que transcendeu o eido da música e abrangueu diversas expresións culturais conseguindo que a lingua galega fose a canle común de creación para chegar a cada recuncho da nosa terra e aínda traspasar fronteiras.
"A noite de Santos de 1994, nunha taberna de Viana, Chantada, naceu o bravú", unha etiqueta creada polos propios músicos que serviu para bautizar o rock cantado en galego. Vinte anos despois cómpre lembrar o comezo desta aventura; unha referencia cultural e unha proposta de traballo colectivo que as persoas máis novas teñen dereito a coñecer.
O bravú comezou sendo guitarra e distorsión, mais axiña estendeu o seu berro de vida por outros camiños. Nesta exposición quérese recoller ese proxecto de axitación xeral, alicerce dunha tradición, e tamén impulso creativo para os novos tempos.
A PRIMEIRA EXPOSICIÿN GRAN FORMATO DO ROCK GALEGO
Alén de discos, CD, camisolas, chapas, carteis, paneis informativos e instrumentos musicais, esta mostra dá un paso máis e achega un proxecto iconográfico radicalmente novo: é a primeira exposición de lonas de gran formato do rock galego.
Ata o 7 de decembro poderanse ver no auditorio do Pazo da Cultura eses grandes panos que identifican cos seus símbolos os diferentes grupos e que ata o momento só podíamos albiscar nos concertos, pendurados detrás da tarima da batería.
Rastreros, Diplomáticos, O Caimán do Río Tea, Ruxe Ruxe, Skornabois Emblemas dun tempo cargado de creatividade e vehemencia. Proposta estética absolutamente inédita dentro da cultura popular contemporánea. Como pregoábamos entón, vinte anos despois: "tanta paixón quen poderá detela!".
A Concellaría de Normalización Lingüística ofrécelles aos centros de ensino secundario a posibilidade de facer visitas guiadas á exposición, con Xurxo Souto como relator.
O luns 17 tamén se estrea na Coruña a Semana do Bravú. Os diversos actos que alí se organizan en paralelo entre A Coruña e Pontevedra van compoñer un eixo vertebrador que lembrará as sinerxías bravús que ateigaron Galicia hai vinte anos.