Dismal, premio honorífico na primeira edición dos galardóns PontevedraFerve
Por Redacción
A asociación PontevedraFerve desvelou o nome do grupo que recibirá este ano o premio honorífico na primeira edición dos galardóns PontevedraFerve, creados para recoñecer o traballo da escena musical emerxente de Pontevedra. A banda homenaxeada será Dismal, unha das formacións máis importantes e con máis traxectoria das que naceron e viviron na cidade do Lérez.
Este premio honorífico foi concedido por unanimidade da Xunta Directiva da asociación. Destacan que Dismal é unha banda que "conseguiu crear discos, saír das nosas fronteiras e levar a música pontevedresa polo mundo dunha forma que moi poucas bandas chegan a poder facelo".
A asociación asegura que son "un espello no que o resto de músicos locais podería verse reflectido algún día, e darse conta de que saír da nosa cidade, do noso país, e chegar a facer grandes cousas, está ao alcance de todo aquel que soñe con facelo".
Dismal nacen en Pontevedra a finais de 1992. Despois de varios anos participando en diversos recompilatorios e tocando en directo non é ata 1999 cando sae The new bomb, o seu primeiro traballo, editado polo selo portugues Division House. A partir de aí comezaba unha carreira que lles levou a tocar por varios países europeos e editaron outros tres discos Make your mind up (2000), El tristura (2002) e Neptuno (2007).
Durante a súa traxectoria musical, tocaron xunto a grupos como Sepultura, Entombed, Testament, Toy Dolls, Kreator, POD, Rammstein, Soulfly e Ill Nino ou Napalm Death.
Os membros de PontevedraFerve afirman que es un "honor" facerlles unha homenaxe a un grupo "que se sitúa no inconsciente musical da cidade, formando parte dese colectivo, ultra exclusivo, que non é outro ca aquel no que unha banda inspira unha profunda mostra de respecto e admiración, superando todas as barreiras de estilo e xénero".
O premio, xunto co resto de galardóns de PontevedraFerve, entregarase no transcurso dunha gala que se celebrará o próximo 3 de xaneiro no Teatro Principal.
Relacionadas:
-
O 'Perromandril' de Tractor Troy, mellor disco do ano na I edición dos premios PontevedraFerve
Por Redacción |
-
Os músicos pontevedreses entregan os seus premios este sábado no Teatro Principal
Por Redacción |
-
Vortex, Skirl, Jhonander, Malkeda e Thee Blind Crows, principais nomeados aos premios PontevedraFerve
Por Alejandro Espiño |
-
Premios PontevedraFerve 2014: os músicos pontevedreses crean os seus propios 'Grammy'
Por Alejandro Espiño |