Boa acollida en Pontevedra ao musical "Bye bye, honey", da compañía Obras Públicas
Por Diego Torrado
O ambiente dos barrios marxinais de Ferrolterra mudou por unha noite a Pontevedra. Fíxoo da man da compañía teatral Obras Públicas, protagonista dunha nova e exitosa cita co ciclo Ponteatro. O Teatro Principal encheu as súas butacas de espectadores desexosos de coñecer por que a obra Bye bye, honey está a colleitar tan boas críticas desde a súa estrea e o seu paso por varios concellos galegos.
Foi un espectáculo que, sen dúbida, non deixou indiferente a ninguén e arrincou numerosos aplausos ao seu remate. Non era para menos. O bo facer do seu elenco actoral, encabezado por Iolanda Muíños, César Goldi e Carlos Mosquera, e a música ao vivo que acompaña a obra, composta especificamente para esta montaxe teatral, fixo as delicias do público.
En Bye bye, honey, nos presentaban a historia de Marta, unha rapaza procedente dunha familia desestruturada, cun pai alcohólico e un irmán 'ionqui' que decide irse de casa e se busca a vida como pode en bares de estrada. A súa aspiración é converterse en cantante de orquestra e emprenderá un incerto camiño para conseguilo.
Unha obra crúa, aceda e descarnada que, co éxito de público e crítica que acadou en Pontevedra, fortalece aínda máis a oferta do ciclo Ponteatro, que chegará á súa fin o próximo xoves 18 de decembro coa obra Improperio D.F., da compañía Tiatreros.
Relacionadas:
-
Cada xoves deste outono 250 espectadores botáronlle teatro á vida
Por Redacción |
-
O disparatado 'Improperio D.F.' invade Pontevedra coa súa divertida aposta pola improvisación teatral
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
'Improperio D.F.', o teatro improvisado da compañía Triatreros pecha este xoves o ciclo Ponteatro
Por Alejandro Espiño |
-
'Bye bye, honey', un musical "duro, acedo e descarnado" que chega a Pontevedra dentro do ciclo Ponteatro
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |