O disparatado 'Improperio D.F.' invade Pontevedra coa súa divertida aposta pola improvisación teatral
Os gobernantes do disparatado Improperio Distrito Federal realizaron este xoves toda unha misión diplomática en Pontevedra. Lograron encher o Teatro Principal en busca de novos habitantes para o seu país, un territorio onde o único requisito para formar parte del é saber improvisar. Ese era divertido punto de partida de Improperio D.F., a obra de teatro coa que a compañía Triatreros puxo o broche de ouro ao ciclo Ponteatro.
Sobre o escenario, unha mesa, catro cadeiras, catro actores -Bea Campos, Omar Ferrín, Miguel Canalejo e Tone Martínez-, e un músico. E no patio de butacas un público que, dende o primeiro momento, se entregou por completo á tola e extravagante experiencia que lle propoñían os mozos protagonistas: crear unha serie de sketches a partir dunha premisa ou dunha situación aleatoria e decidida por persoas elixidas ao azar.
O fío condutor do espectáculo foron catro políticos desta sociedade imaxinaria. Recoñecen directamente que son corruptos, pero aseguran ter solucións para todos os problemas dos seus habitantes, empregando como ferramenta a improvisación.
No caso de Pontevedra, por exemplo, tiveron que axudar a unha muller que non chegaba co fin de mes, a outra adicta ao baile ou a un home cuxo veciño facía moito ruído co batedor. E a cada cal deles, poñendo en escena unha proposta igual de surrealista que divertida.
O espectáculo viuse reforzado, como vén sendo habitual, pola intervención musical de Davide González, que ademais compuxo o himno do seu distrito co que se iniciou e concluíu a obra, xa co público en pé e aplaudindo durante varios minutos.
Relacionadas:
-
Cada xoves deste outono 250 espectadores botáronlle teatro á vida
Por Redacción |
-
'Improperio D.F.', o teatro improvisado da compañía Triatreros pecha este xoves o ciclo Ponteatro
Por Alejandro Espiño |
-
Boa acollida en Pontevedra ao musical "Bye bye, honey", da compañía Obras Públicas
Por Diego Torrado |