Luces e sombras de Valentín Paz Andrade
Por Oskar Viéitez
A Real Academia Galega (RAG), coa colaboración da Consellería de Cultura, organiza o Congreso Valentín Paz Andrade que desde hoxe e ata o vindeiro sábado 15 de decembro desenvólvese no Pazo de Congresos de Pontevedra.
Ponentes como Ramón Villares, Manuel Rivas, Luís Cochón, Xesús Alonso Montero e Ana Acuña analizarán a figura do insigne homenaxeado deste ano do Día das Letras Galegas.
No caso de Ramón Villares, o Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, perfilou as luces e as sombras da figura de Paz Andrade ao que definiu como "un emprendedor e un poeta".
Ese "pragmatismo de economista" e esa "emocionada vocación soñadora" aúnanse na súa achega á política galeguista, especialmente na Segunda República e na Transición democrática "unha aportación de carácter civilista, democrática e fundamentalmente galeguista".
Igualmente Ramón Villares destacou o esforzo de Paz Andrade por "dar unha interpretación nova de Galicia con base económica, así como unha visión de Galicia aberta ao Mundo. El nunca foi un provinciano. Unha visión moi útil para a Galicia de hoxe".
Pero o pontevedrés Valentín Paz Andrade tamén tivo as súas sombras entre as que o catedrático sinalou, os seus "disensos co Partido Galeguista na República, tamén tivo un atentado que case lle costa a vida que para el foi un motivo de reflexión porque se lle acusaba de ser parte da Patronal, tamén houbo discrepancias co galeguismo na postguerra. E logo, na época da Autonomía, veu coma moitas das súas ideas de tradición e moral republicana non se cumplían e mantivo unha posición un pouco distante, case abstencionista coa autonomía".
Ramón Villares concluíu asegurando que a homenaxe deste ano do Día das Letras Galegas a Valentín Paz Andrade serviu "para recuperar a esta figura que estaba un pouco esquecida e isto nos permitiu ver un Paz Andrade escritor, poeta, emprendedor, cousa que sen este Día non poderíamos".