Sábado noche con "A función do tequila"
Por Diego Espiño
Espionaxe, amor ou personaxes históricos como Castelao ou o Cardeal Quiroga Palacios mestúranse en A función do tequila, unha obra segundo o seu director Antonio Simón, "naturalista e sen artificios. ÿ unha historia para vela varias veces".
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle unha única representación o vindeiro sábado 15 de decembro ás 21:00 horas, unha función que a piques estivo de suspenderse pola lesión do seu actor protagonista, Manuel Manquiña, como recoñece o produtor Celso Parada, "Manquiña rompeu unha man pero finalmente actuará escaiolado. Fai unha personaxe inquietante así que ata lle vai ben a escaiola".
"Tivemos a sorte de facer unha producción en boas condicións, algo que xa non é normal"
O texto de Manuel Guede, merecedor do premio Rafael Dieste en 2011, xira en torno ao personaxe de "O Jalisco" (Manuel Manquiña), un mexicano fincado en Galicia envolto nunha trama política, coa CIA por medio, e unha serie de asasinatos.
A función do tequila é segundo Antonio Simón un oasis dentro do actual panorama do teatro, "o teatro galego non está para celebracións pero tivemos a sorte de facer unha produción en boas condicións, algo que xa non é normal".
As entradas para o espectáculo poden adquirirse de xeito anticipado na web www.servinova.com e o mesmo día da función na billeteira do auditorio pontevedrés. O prezo é de 8 euros con desconto para estudantes, parados e xubilados (5 euros).