Marcel Gros trae a Domingos do Principal "La gran A... ventura" para celebrar os seus 30 anos como pallaso
Por Redacción
Marcel Gros é, probablemente, un dos pallasos máis recoñecidos de toda España. Os seus trinta anos de traxectoria sobre os escenarios convertérono nunha referencia no mundo 'clown'. E para celebralo que mellor que un novo espectáculo no que dar renda solta ao seu talento. Trátase de La gran A... ventura, que chega a Pontevedra esta fin de semana dentro do ciclo Domingos do Principal.
En La gran A... ventura, Marcel Gros propón unha visita guiada ao seu universo particular cun espectáculo cómico no que se propón explicar unha historia dende a óptica dun pallaso de vocación, pero sen prescindir, sutilmente de pequenos coñecementos universais e educativos.
Todo iso nunha narración que, con axudas interactivas do público, mantén o interese permanente acompañándose de elementos tan sinxelos como efectivos pola súa maxia, grazas aos efectos de luz e son e, sobre todo, á imaxinación de Marcel Gros que vai activando progresivamente ao espectador.
Trátase dun espectáculo que dura aproximadamente 60 minutos e está recomendado para nenos e nenas a partir de tres anos.
La gran A... ventura representarase este domingo 1 de febreiro no Teatro Principal en sesión dobre, ás doce da mañá e ás seis e media da tarde.
As entradas pódense adquirir en www.servinova.com. En caso de non se esgotar poderanse comprar no despacho do Teatro dende dúas horas antes do inicio da función.
TRAXECTORIA DE MARCEL GROS
A experiencia de Marcel Gros (Manresa, 1957) bebe de diferentes ámbitos, tanto para primeiros espectadores coma para veteranos, dende a súa faceta inicial como cantante na orquestra Mandarina ata integrante dos primeiros grupos de animación de rúa aparecidos na última parte do século pasado, ou como fundador e creador de espectáculos da compañía Teatre Mòbil.